Sanxenxo acolle o 'I Almorzo de Emprendedoras' da man do Centro de Información ás Mulleres do Salnés

A xuntanza tivo lugar no obradoiro de Hostalería do Salnés e contou co coloquio de mulleres empresarias
almorzo
photo_camera Coloquio durante o I Almorzo de Emprendedoras enmarcado no programa 'O Salnés Emprende con M'. DS

O Centro de Información ás Mulleres do Salnés celebrou este venres en Sanxenxo o primeiro dos tres Almorzos de Emprendedoras, iniciativa que nace no marco do Programa O Salnés Emprende con M.

A actividade, dirixida a emprendedoras, autónomas, empresarias, socias de cooperativas e mulleres da Comarca do Salnés pretende compartir experiencias e poñer en marcha unha rede de mulleres e recursos que potencie proxectos xa existentes e contribúa á posta en marcha doutros novos. Ademáis, neste escenario, o CIM quere mellorar as canles de información de recursos e programas públicos e actuar como lanzadeira para novas oportunidades que xurdan na Comarca de mans de mulleres.

Neste Almorzo, ofrecido polo Obradoiro de Hostalaría da Mancomunidade na súas instalacións de Sanxenxo, participou, ademais do alumnado do obradoiro, un nutrido grupo de emprendedoras da Comarca. As intervencións iniciais, que derivaron nun interesante coloquio, correron a cargo de Ana Balsa, axente de emprego e desenvolvemento local da Mancomunidade do Salnés, Laura Seara, directora de Red Talento, Eva López, do Programa Innovatia da USC e María Buceta, Presidente de AJE Pontevedra.

Abordaranse tamén recursos e fórmulas de apoio ao emprendemento feminino a través dos fondos europeos, os microcréditos, os programas públicos e o mentoring. Analizarase o emprendemento sostible, o emprendemento das mulleres en concellos pequenos ou rurais, o enfoque de xénero no emprendemento verde e nos sectores estratéxicos da comarca así como fórmulas de fomento da cultura emprendedora, a motivación e o acompañamento necesario para conseguilo.