As casas modernistas acollerán a oficina comarcal de innovación e emprendemento rural

Haberá atención persoal os mércores e xoves para minimizar a fenda dixital e axudar á cidadanía na tramitación dixital das xestións que precisen
Casas Modernistas en A Illa de Arousa. CEDIDA
photo_camera Casas Modernistas en A Illa de Arousa. DS

As casas modernistas da Illa de Arousa acollerán unha das dúas sedes permanentes que a Mancomunidade do Salnés abrirá para achegar a administración e o seu funcionamento á cidadanía en xeral e contribuir deste xeito a minimizar a fenda dixital. Faino a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do goberno estatal e con Fondos Europeos.

Dous días á semana, os mércores e os xoves, cun horario de 9.45 a 13.00  horas, nas casas modernistas haberá persoal a disposición da cidadanía para facilitar a tramitación ¡ de certificados dixitais, clave pin, clave permanente, Chave 365 da Xunta ou presentar documentación a través da sede electrónica de calquera administración, entre outras moitas xestións.

Nesta nova oficina comarcal de innovación e emprendemento rural, que permanecerá na Illa durante os vindeiros dous anos, poden consultarse dúbidas sobre o funcionamento das aplicacións da administración pública como E-Saúde, SEPE, SPEG ou Mobem e tamén coñecer os programas de apoio ao emprendemento, tanto para a realización de trámites como para a xestión de subvencións.

Para concertar unha cita presencial é necesario chamar ao número de Atención Cidadán (986 521 115), pero as consultas tamén se poden remitir a través do correo electrónico. A oficina instalada nas casas modernistas ofrece tamén asesoramento no manexo do móbil, na alfabetización informática e incluso sobre o funcionamento dun laboratorio prototipado 3D.