Centos de persoas e 27 artistas pasaron esta tempada pola Rúa dos Viños de Portonovo

Ambiente de concerto na Rúa dos Viños. DS/ARCHIVO
A asociación da emblemática zona vén de pechar a VIII edición de ‘Música na Rúa’ cun exitoso festival solidario

Fin de tempada musical na Rúa dos Viños de Portonovo cun balance "moi positivo" por parte da organización, que pechou con éxito a que xa é a VIII edición de Música na Rúa. Nesta ocasión, a programación, que consiste en organizar diferentes concertos ao longo da semana en varios puntos da rúa para dinamizar a actividade dos locais de hostelería que se concentran na zona, atraeu a centos de persoas durante as máis de 20 sesións que se realizaron ao longo dos últimos meses, e que contaron cuns 27 artistas e grupos musicais.

Como cada ano, notouse a afluencia de público en cada xornada con programación musical, unha cita xa especialmente consolidada entre a veciñanza. Precisamente, segundo explica a presidenta da Asociación Rúa dos Viños, Noemí Pensado, a iniciativa xurdiu coma "un premio para a clientela de sempre, para os nosos veciños e veciñas", que acolleron con moito gusto a iniciativa. "Á xente da vila gústalle e vén, e á súa vez atrae máis público", sinala Pensado.

O balance da actividade é, este 2023, "similar ao de outros anos, con moi bo resultado", se ben nesta ocasión tamén se notou a afluencia de visitantes, que conviviron coa veciñanza durante o desenvolvemento da programación, que contou con estilos moi variados entre si. Deste xeito, bandas coma Chroma, Braava Band, Sobre Todo Ella ou Desconcerto puxeron ritmo aos vermús e ás noites portonovesas xunto a artistas coma Nando Llon, Ángel Sevilla, Rodrigo Valiente, Alexandra Carrera e moitos máis, aos que a organización quixo expresar o seu máis sinceiro agradecemento pola súa colaboración na iniciativa.

Máis doazóns
O festival solidario que pechou a programación esta fin de semana no Campo de San Roque en favor do Banco de Alimentos Rías Baixas recaudou, segundo explicaron dende a organización, máis doazóns que na pasada edición, a falta de realizar o reconto final, cunha "alta participación da veciñanza, e un gran número de donativos". Agora, será a organización quen realice a compra en persoa para trasladar a recaudación en forma de alimentos ás instalacións da entidade.