Peludos Invisibles de Sanxenxo, en peche temporal por falta de voluntariado

▶ A asociación busca casas de acollida para intentar paliar unha problemática derivada tamén da falta de persoal, que apunta a deixar ao municipio sen o seu colectivo animalista de cabeceira
Gatas de entre cinco e seis meses que precisan adopción. DS
photo_camera Gatas de entre cinco e seis meses que precisan adopción. DS

O municipio de Sanxenxo está a piques de perder definitivamente o seu colectivo animalista de cabeceira, e a súa única asociación plenamente consolidada na función de protectora exclusiva de felinos. A Asociación Peludos Invisibles de Sanxenxo (APIS) atópase actualmente nas súas horas máis baixas dende os últimos anos, unha situación desencadeada pola falta de voluntariado, que a abocou actualmente ao peche temporal.

Os motivos que levaron ao colectivo a sumirse nesta situación son, esencialmente dous. Por un lado, a falta de casas de acollida que impide "facernos cargo de máis gatiños". Así o explica a actual presidenta, Amalia González, quen incide na necesidade de que ditas casas de acollida que se prestan a esta labor teñan continuidade e estabilidade no tempo. "Precisamos casas fixas, non das que acollen a un animal e, ao cabo de dúas semanas, adóptano e xa non volven abrirse. Este tipo de casas están ben porque solucionan o problema momentáneamente, xa que acaban quedando co animal para toda a vida, pero o que precisa a asociación é unha rede continua onde poidan entrar e saír sempre os gatos. O problema é que todas as que tivemos acabaron adoptando os animais, porque se lles colle moito cariño. Iso fai que non poidamos seguir traballando", explica.

Pola outra banda, salienta González, o segundo problema atópase na actual falta de voluntariado no núcleo da asociación, que é unha das principais trabas para a continuidade do colectivo. "Sen mans, pouco podes facer. Agora mesmo somos catro persoas, das cales dúas queren cesar a súa actividade na asociación", explica. Precisamente, o seu cargo conleva unha situación de desgaste propio de soster un colectivo "sen axuda" institucional, cunha actividade intensa con caracter altruísta. "Xa levo oito anos na asociación, cinco como presidenta, facéndome cargo dos veterinarios e das casas de acollida", lembra, engadindo que, "dada a situación da asociación, non é algo reconfortante agora mesmo porque todo son problemas, se non aparecen voluntarios nin casas de acollida". Neste sentido, asegura, "APIS está nun momento moi complicado, porque sen estas dúas cousas, o cese en vez de temporal vai ser definitivo", di.

Para González, a situación que está a punto de precipitar ao colectivo ao cese definitivo é desoladora, despois do traballo ininterrompido de varios anos. "Nós non queremos isto, porque neste concello fai falla a asociación". Ademais, valora, "déuselle moi mala publicidade á nova lei de benestar animal, aínda que para min non está ben. Faltan cousas e hai que matizala moi ben, pero hai moito abandono. Palleiros tamén tivo que pechar portas porque dende que saíu a lei hai moitos abandonos", lembra a presidenta do colectivo.

Un verán nefasto

Como problema relacionado coa falta de casas de acollida, APIS vén de pechar un verán "horroroso", no que tan só puido dar en adopción a un animal pertencente a unha camada abandonada nun contedor este verán, da que foi o único supervivente.

Actualmente, a asociación conta con catro gatas das cales tres roldan os cinco ou seis meses, e que normalmente non terían maior problema para atopar fogar, debido ao seu bo estado de saúde e a que foron criadas a biberón tras ser atopadas tamén nun contedor do lixo nos últimos meses. "Este verán non houbo adopcións e iso fai que ao non saír os animais, non poidan entrar máis nas casas", explica González.

Ademais, a situación dunha cuarta gata, de nome Rosalía, mantén ao colectivo en vilo tras recollela nunha situación límite. "Levamos con ela dende principios de verán, e é un caso moi complicado porque xa leva dúas cirurxías por hernias que non foron arriba", conta. Precisamente, este mesmo luns a gata volverá pasar por quirófano por un colapso no intestino, nunha intervención a vida ou morte. "Precisamos cartos para pagar esta cirurxía. Comezamos a recolectar e para este caso concreto pedimos que a xente done o que poida, porque os cartos para estas cousas saen de aí, dos petos e dos mercadiños", lembra, coa esperanza de que pronto chegue algunha boa nova para APIS.