O sector turístico do Salnés recibiu 1,2 millóns de euros da Xunta para infraestruturas

O Hotel Carlos I Silgar puido mellorar en dixitalización, reformar o spa e 35 habitacións a través de dúas achegas de 52.000 euros en total
O delegato territorial da Xunta, representantes do Hotel Carlos I e o edil de Turismo, durante a visita. J. CERVERA
photo_camera O delegato territorial da Xunta, representantes do Hotel Carlos I e o edil de Turismo, durante a visita. J. CERVERA

Ata 1,2 millóns de euros é a suma total que acadan as achegas destinadas a 150 empresas do sector turístico do Salnés por parte da Xunta, co obxectivo de apoiar o seu avance en dixitalización e melloras nas infraestruturas. Así o explicou o delegado territorial, Agustín Reguera, durante unha visita ao Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo que, precisamente, foi un dos beneficiarios destas axudas que, no seu caso, sumaron 52.000 euros en total.

Así, o establecemento puido mellorar o seu posicionamento dixital, co obxectivo de "manter as primeiras posicións nas plataformas", segundo explicou o responsable do establecemento, Leonardo López. Ademais, en materia de infraestruturas, o hotel sanxenxino acometeu o cambio dunha maquinaria no seu spa, e tamén puido levar a cabo a remodelación integral de 35 habitacións. Para a primeira das actuacións, en materia de dixitalización, o hotel recibiu unha achega de 12.000 euros, mentres que, para a mellora das infraestruturas, ascendeu a 40.000 euros.

Pola súa banda, o delegado territorial mostrouse impresionado polos resultados obtidos e destacou o compromiso da Xunta "cun sector tan importante coma este, que supón o 12 % do PIB galego". Ademais, Reguera asegurou que "dende a Xunta seguiremos escoitando aos empresarios e traballadores para coñecer as súas necesidades e propoñer as mellores solucións", como é o caso das axudas á dixitalización, nas que a Xunta investirá máis de 250.000 euros no Salnés dos 1,5 millóns de euros destinados a esta iniciativa en toda Galicia.

Durante a visita, houbo tempo tamén para lembrar o bo resultado dos Bonos Turismo da Xunta, que están a facilitar a desestacionalización do sector "especialmente nos territorios que despois dunha época estival intensa teñen máis dificultades para manterse abertos no inverno", asegurou Reguera.

ÉXITO DE OCUPACIÓN. O Hotel Carlos I, que se atopa entre o aproximadamente 20% de establecementos abertos en Sanxenxo durante o inverno, conta cunhas previsións "moi boas" de cara ao Nadal, chamado a converterse na terceira tempada turística no municipio. "A ponte está completamente chea, con eventos por riba das visitas turísticas propiamente ditas, e despois virá a campaña de ceas de Nadal e empresas, coas que xa temos ocupadas todas as datas. O Fin de Ano xa quedou vendido por completo entre os pasados 6 e 7 de novembro. Co cal, agardamos unha boa campaña, que o Concello está apoiando con iniciativas de iluminación ou fogos, e estamos facendo que Sanxenxo teña un punto de atractivo, sacando decembro da tempada baixa e poñéndoo no mapa da ocupación", valorou o responsable do hotel.