O BNG convoca unha charla informativa sobre os vados para valorar alegacións

A charla estará impartida polo avogado e concelleiro do BNG en Outeiro de Rei, Miguel Vieito Villar
Fran Leiro (centro) xunto a outros edís do BNG. DS
photo_camera Fran Leiro (centro) xunto a outros edís do BNG. DS

A Casa Forestal As Canteiras, na parroquia de Noalla, acollerá este venres, 15 de decembro, ás 20.00 horas, unha charla informativa organizada polo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo, na que se abordará, segundo alcumaron dende o partido, o decretazo aos vados permanentes impulsado polo Concello, segundo o cal, aseguraron, esíxese "o pago da taxa dos vados a persoas que teñen entrada e saída de vehículos á vía pública nas súas vivendas, pero que nunca solicitaron un vado".

A charla estará impartida polo avogado e concelleiro do BNG en Outeiro de Rei, Miguel Vieito Villar. O responsable deste coloquio resolverá as dúbidas das persoas asistentes, ao tempo que informará sobre a ordenanza do ano 1999 que, valorou o voceiro do BNG, Francisco Leiro, "o señor Martín está a incumprir a través dunha manobra recadatoria que afecta directamente ao peto dun gran número de veciños e veciñas". 

O obxectivo desta charla tamén é "achegar información aos afectados e afectadas, para que saiban que xestións poden realizar para alegar e procurar non ter que facer fronte a pagos que se remontan a principios de 2020 e que supoñen, de facto, a creación dun novo imposto por parte do Partido Popular e de Telmo Martín", aseguraron.

Os nacionalistas non descartan continuar impulsando máis iniciativas e acusaron ao alcalde de que "a única persoa que minte e manipula é el".