O BNG de Sanxenxo califica de "pantasma" a prometida reforma da Avenida de León

Advertiron que a situación de perigosidade na que se atopa esta céntrica vía, que chega ata a Rúa Progreso desde Bordóns e Nanín, foi denunciada en varias ocasións
Avenida de León, en Sanxenxo. DS
photo_camera Avenida de León, en Sanxenxo. DS

O grupo municipal do BNG de Sanxenxo acusou de "falta de transparencia" e de "mentir" ao Goberno local do PP de Sanxenxo no que respecta á mellora integral da Avenida de León que, manifestaron, "o equipo liderado por Telmo Martín prometeu que estaría feita a principios deste 2024". "A realidade é que a día de hoxe, xa case en marzo, non só non se acometeu ningún traballo neste tramo da PO-308, senón que nin tan sequera coñecemos detalles dese proxecto pantasma", denunciou o voceiro nacionalista, Fran Leiro.

Dende o BNG advertiron que a situación de perigosidade na que se atopa esta céntrica vía, que chega ata a Rúa Progreso desde Bordóns e Nanín, foi denunciada en varias ocasións polos nacionalistas, que se fan eco "das queixas e preocupacións de numerosas persoas residentes na contorna". A ausencia de luminarias de calidade pola noite, o estado dos pasos de peóns, a falta de visibilidade e o exceso de velocidade provocan que "un acto tan cotiá como cruzar a rúa para tirar o lixo supoña un auténtico perigo", valoraron, lembrando que a última vez que o BNG abordou esta cuestión foi no Pleno ordinario de outubro de 2023, cando presentou unha moción para instar á Xunta de Galicia a que mellora este tramo da PO-308. "A proposta nin sequera puido ser debatida pola oposición do Partido Popular, que alegou que xa existía un proxecto para actuar entre Bordóns e a Rúa Progreso e que se acometería a principios de ano. A tenente de alcalde, María Deza, mesmo chegou a falar dun investimento de 300.000 euros, do que nada sabemos. A día de hoxe non temos constancia de que existe ningún proxecto e a avenida segue a contar coas mesmas carencias", aseguraron.

"O PP bota abaixo as nosas propostas negando a maior e despois facendo pequenas chapuzas, ou directamente non actúa. E o que non pode esquecer o señor alcalde é que as reivindicacións que realiza o BNG son demandas que nos traslada directamente a veciñanza", advirte Leiro, que pon como exemplo de situación similares a inacción da Xunta de Galicia a promesa incumplida da ampliación do Centro de Saúde de Baltar ou a rehabilitación integral do pavillón da Florida.