O BNG alerta sobre problemas de seguridade viaria no cruce da Vichona

O voceiro nacionalista, Fran Leiro, confirma que o grupo da oposición solicitará á Policía Local un informe sobre a situación deste emprazamento
 
Desperfectos polo último accidente na zona. DS
photo_camera Desperfectos polo último accidente na zona. DS

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo anunciou a súa intención de requirir informes técnicos á Policía Local sobre a seguridade na estrada PO-504, concretamente no coñecido como ‘Cruce da Vichona’, onde recentemente a Xunta de Galicia, dentro do proxecto de reforma desta vía, habilitou unha rotonda e varios semáforos. Os nacionalistas solicitarán estes documentos logo de que varios veciños e veciñas da parroquia da Adina lles trasladasen a súa preocupación pola perigosidade que aínda existe neste punto, no que xa se teñen rexistrado varios accidentes de gravidade unha vez rematada a reforma.

O voceiro do BNG, Fran Leiro, sinala que “antes, cando a interseción carecía de rotonda, xa era un lugar perigoso, pero o que nos trasladan varias persoas residentes na contorna é que agora esa sensación de inseguridade para os peóns é aínda maior”. Un dos problemas que denuncian a veciñanza e dos que se fai eco o BNG ten que ver coas características da rotonda, que “non é nada intuitiva”, polo que “moita xente, especialmente persoas de fóra ou que non transitan de xeito habitual por esta estrada, teñen dificultades para interpretar o cruce debidamente”. Esta situación agrávase debido á falta de pasos de peóns nas saídas da Adina e de Dadín. Ademáis “os vehículos que veñen desde Gondar atópanse co paso de peóns moito antes do semáforo, polo que, cando este está en verde, en moitas ocasións non baixan a velocidade”, advirte Fran Leiro. Para os e as condutoras o cruce tamén xera problemas, especialmente realizando o acceso á vía principal desde Dadín. “Cando non funcionan os semáforos, situación que xa se ten producido nas últimas semanas, os vehículos vense na obriga de incorporarse á estrada practicamente a cegas”.

Outro motivo de preocupación ten que ver coa falta de visibilidade que existe na zona, provocada polo estacionamento de autobuses nas inmediacións dos establecementos e hoteis que existen na zona. “Estamos xa nunha época do ano na que comezan a incrementarse as excursións, polo que hai moitos buses estacionados na rúa, co que é necesario extremar as precaucións”, apunta o concelleiro nacionalista. Leiro incide en que “no BNG somos perfectamente conscientes do necesario que resultaba acometer unha reforma de seguridade viaria nesta estrada, por ser unha das máis transitadas de Sanxenxo, pero entendemos que é necesario estudar todas as opcións que sexan necesarias para evitar que ese punto en concreto pase a consolidarse como unha zona de perigo aínda maior que antes de que se procedese á instalación da rotonda”. É por iso polo que o BNG solicitará os pertinentes informes á Policía Local, posto que “nos últimos meses rexistráronse accidentes graves, con feridos e mesmo unha persoa falecida”, conclúe Fran Leiro.