Un berce para a gastronomía

Praceiras e praceiros do Mercado de Abastos de Portonovo mostran a variedade de produto que ofrecen nas arredor de 30 bancadas de venda. DAVID FREIRE
Portonovo, máis que un mercado ▶ A través da asociación de praceiros e praceiras, unha das máis antigas de Galicia, a Praza converteuse nun espazo vivo onde conflúen visitas guiadas a escolares, campañas coa clientela e, por suposto, un produto tan fresco coma variado

Non hai día no que un veciño ou visitante poña un pé na Praza de Abastos de Portonovo e que lle falten opcións para compoñer o seu menú. Se por algo se enorgullecen as praceiras e praceiros, é pola impresionante calidade dos seus produtos e, sobre todo, pola constancia de todos os que forman un Mercado que conta con arredor dunha trintena de postos e bancadas, todas elas en activo. "Aquí, cando uns estamos de vacacións, están outros. Nunca deixamos aos compradores sen produto e, ademais, sempre teñen variedade onde elixir". Quen fala é Loli Alarcón, responsable da Praza e vendedora cunha dilatada experiencia nun ámbito no que as vendas non o son todo.

Cos seus 11 postos de peixe, cinco específicos de marisco, 10 de verduras, dous de carne, e outros máis de froita e produto galego, a Praza de Abastos de Portonovo leva tamén a cabo unha importante labor social na vila mariñeira, potenciando todo tipo de iniciativas centradas principalmente na infancia, e tamén na promoción da gastronomía e do comercio de proximidade. 

A asociación prepara, de cara ao mes de febreiro, unha campaña de fidelización para a clientela tras o tirón do Nadal

A través da Asociación da Praza de Abastos de Portonovo, unha das primeiras entidades que comezaron a súa andadura en Galicia no que respecta ao tecido asociativo dos Mercados de Abastos, as traballadoras e traballadores asociados, que son arredor dunha vintena, promoven e participan en accións coma sorteos de lotes de produtos en datas sinaladas coma o Día da Nai, agasallos aos centros educativos atendendo ás súas necesidades, ou visitas guiadas para que a cativada poida coñecer o corazón da gastronomía de Portonovo. Precisamente, estas, explica a responsable da Praza, son das que contan cunha gran acollida por parte dos centros educativos. "Falamos con eles, explicámoslles cales son os produtos que temos aquí e levámolos polos postos para que poidan velos de primeira man". Ademais, en colaboración cos colexios, a Asociación leva a cabo un concurso de debuxos, que é só unha pequena parte de todas as iniciativas organizadas polo colectivo. "Tamén facemos ‘showcookings’ coa Escola de Hostelería e Peque Chef, que ten un gran éxito entre os nenos e nenas", conta Alarcón. 

Unha das últimas iniciativas consistiu no reparto de calendarios con recetarios entre a clientela, elaborados por chefs a nivel galego, a través da Federación de Prazas de Abastos de Galicia, e para o mes de febreiro, a asociación prepara unha campaña de fidelización mediante o sorteo de vales de compra por valor de entre 150 e 200 euros, dos que resultarán beneficiados dous clientes.

Falar da Praza de Abastos de Portonovo significa ir á orixe do produto. Despois dunha campaña de Nadal que foi "moi boa, con moita acollida e variedade", a responsable da Praza asegura que o nivel non decae, polo que o espazo xa se converteu nun referente para a hostelería e a gastronomía local: «É un Mercado que sempre está cheo. Aquí os hosteleiros atopan todo o que precisan. Nós somos constantes e procuramos ter sempre o mellor ao alcance da man».