A Asociación de Veciños de Dorrón aposta por unha conexión circular entre a senda, o Castro e Areas

O colectivo avoga por "dar visibilidade ao Castro de Dorrón, un elemento catalogado arqueolóxicamente que nunca foi posto en valor"
Representantes da Asociación de Veciños e autoridades durante a inauguración da senda de Dorrón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Representantes da Asociación de Veciños e autoridades durante a inauguración da senda de Dorrón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Asociación de veciños de Dorrón, que vén de celebrar a inauguración oficial da súa senda, unha demanda histórica que actualmente xa se atopa sobre o terreo, pide "rematar os detalles que faltan para acadar un mantemento periódico adecuado", e persegue novas metas como é o caso da "creación e potenciación" na zona de rutas circulares a partir da recentemente inaugurada. Neste sentido, sinalaron dende o colectivo, un dos principais obxectivos é, na súa parte Este, "sinalizar a rede de camiños existentes que discorren polo alto do val" e, desde Barreiro, que conta con vistas á ría de Pontevedra e á ría de Vigo, pasando polo monte do Castro, "dar visibilidade ao Castro de Dorrón, un elemento catalogado arqueolóxicamente que nunca foi posto en valor".

Deste xeito, o percorrido podería rematar "bordeando o monte Festiñanza pola beira do mar, para voltar de novo ao punto de partida na desembocadura do río de Dorrón na praia de Areas, pechando así unha ruta de 10 quilómetros".

A proposta do colectivo, abrangue tamén a parte Leste, dende o muíño de Xián, co obxectivo de "impulsar a ruta das pedras e mámoas onde se atopa a pedra Cabalaria", unha pedra de abalar situada nas inmediacións de Rexenxo, así como "a pedra da Jurjulla e a pedra do Barco, ata chegar ao Con da Ventureira no alto de Padriñán".

A GRAN SENDA DO SALNÉS. Para a asociación veciñal, as posibles actuacións en materia de recuperación do patrimonio exceden o ámbito interno do municipio, de xeito que fixan como obxectivo último a creación "do ilusionante proxecto de A Gran Senda do Salnés". Neste sentido, o proxecto, que pasa por conectar Sanxenxo con municipios veciños, persegue a conexión do Val de Dorrón coa senda do río Chanca, nas inmediacións da parroquia de Simes (Meaño).

Trátase dunha posible conexión de "apenas un quilómetro dende o muíño de Xián, ata acadar o alto da parroquia de Simes, redescubrindo e recuperando o antigo camiño real, para que a senda de Dorrón se una á do río da Chanca e así ascender logo ata o mosteiro de Armenteira, e dende alí descender pola Ruta da Pedra da Auga, para seguir avanzando pola Vía Espiritual do Salnés, ata o mar de Arousa", explicaron.

Dende o colectivo quixeron amosar tamén a súa ledicia e agradecemento por ver cumprido "este primeiro paso", como é a inauguración do trazado da senda que pasa a carón dos muíños, se ben manifestaron o seu desexo de "seguir traballando" de cara ao futuro para que "a senda poida comezar ao pé da praia de Areas, e para que en todo o tramo poida discorrer en paralelo ao río". Do mesmo xeito, manifestaron a necesidade de que o trazado poida chegar "ata o mesmo muíño de Xián", e pediron "o saneamento axeitado do río Dorrón" por parte de Augas de Galicia.