Andarela e a Rúa dos Viños danse a man para peregrinar coas ánimas polo centro

A asociación Andarela retoma un ano máis a tradicional camiñata, e farao este ano en colaboración coa Rúa dos Viños de Portonovo
O roteiro da Santa Compaña, nunha edición anterior. ANDARELA
photo_camera O roteiro da Santa Compaña, nunha edición anterior. ANDARELA

O Roteiro da Compaña regresa a Sanxenxo. A asociación Andarela retoma un ano máis a tradicional camiñata, e farao este ano en colaboración coa Rúa dos Viños de Portonovo. A cita terá lugar o vindeiro martes 31 de outubro, na véspera do mes de defuntos, e pasará por diferentes lugares do concello.

Como manda a tradiciónm os e as asistentes irán caracterizados coma ánimas, con facheiros e candís, se ben non se permiten lanternas. O percorrido comezará a partir das 21.00 horas desde o parque do Espiñeiro, na entrada dende Rafael Pico, á altura do paso de peóns. Dende o parque, a comitiva adentrarase na Rúa dos Viños, e percorrerá Rafael Picó, onde os participantes poderán gozar dos concursos e da Queimada que organizará a Asociación Rúa dos Viños, a base de "mouchos, coruxas, sapos e bruxas".

Dende a organización prometen unha experiencia "de medo", e lembran que o roteiro é de balde e que para gozar da experiencia non é necesario inscribirse, se ben si que é imprescindible ir ataviados coa tradicional roupa desta cita, que é doada de confeccionar de xeito artesanal, e con iluminación tradicional.

Terá unha duración duns 60 minutos aproximadamente e a dificultade do percorrido é baixa, polo que dende Andarela, que convidan a toda a veciñanza a sumarse á experiencia, insisten en que é apto para todos os públicos, incluidos carriños de bebé, e tamén se poden levar cans.