Adeus a ‘Sangenjo’ na PO-504: A presión social consegue a retirada do cartel

▶ A Mesa lanza unha recollida de sinaturas para protexer a toponimia, e Hablamos Español segue coa campaña
El cartel publicitario tras la retirada del de Hablamos Español, actualmente con una imagen electoral. AMU
photo_camera O cartel publicitario tras a retirada do de Hablamos Español, actualmente cunha imaxe electoral do PP. AMU

Xa non hai rastro do término Sangenjo na estrada PO-504 cara O Vinquiño, unha das vías situadas na entrada de Sanxenxo, preto da autovía. A presión social, da man dunha iniciativa encabezada pola Mesa pola Normalización Lingüística fixo posible a retirada en tempo récord do cartel que moitos consideraron ofensivo ao cuestionar o topónimo propio do municipio das Rías Baixas, e que durante a tarde deste martes xa desaparecera da súa ubicación.

Se ben o cartel coa frase "Bienvenidos a Sangenjo, ciudad que en gallego se llama Sanxenxo", quedou perfectamente retirado, deixando ao descuberto o antigo cartel do valo, con publicidade electoral do alcalde, Telmo Martín, dende as súas redes sociais Hablamos Español manifestou que "imaginamos que algún fanático lo ha arrancado. Algo haremos, como podéis imaginar", polo que non se descarta unha nova intentona por parte da organización, que tamén levou a súa campaña a outras cidades galegas coma A Coruña e Ourense.

Pola súa banda, A Mesa iniciou unha recollida de sinaturas en defensa da toponimia galega, mentres que o BNG de Sanxenxo lembrou que a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística "establece que só existe un xeito correcto e legal de nomear ao noso concello".