Aberto o prazo de solicitude nas escolas infantís municipais de Sanxenxo

A atención educativa será gratuíta para as familias, mentres que o servizo de comedor estará cofinanciado polo Concello
Instalaciones de la escuela infantil municipal O Tombo en Sanxenxo. DS
photo_camera Instalaciones de la escuela infantil municipal O Tombo en Sanxenxo. DS

A Concellería de Educación de Sanxenxo acaba de abrir o prazo para as solicitudes de novo ingreso nas escolas infantís municipais de O Tombo e O Revel para o curso 2024/25, ata o vindeiro 5 de abril, con excepcións coma un nacemento, acollemento ou adopción posterior, cambio de residencia ou circunstancias debidamente xustificadas.

As solicitudes presentaranse preferiblemente na sede electrónica do O.A. Terra de Sanxenxo con DNI electrónico, certificado electrónico ou sistema de autentificación Cl@ve. Opcionalmente poderase presentar presencialmente co formulario dispoñible na web do Concello.

Os nenos e nenas deberán cumprir o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e a súa permanencia non pode exceder as oito horas diarias. O horario máximo de apertura da escola está comprendido entre as 7.30 e as 20.30 horas, de ter demanda real suficiente (30% das prazas totais de cada Escola), unha vez iniciado o curso escolar.

As familias que obteñan praza deberán formalizar a matrícula entre o 10 e o 21 de xuño e, grazas ao sistema de cofinanciamento entre o Concello e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a atención educativa será gratuíta para as familias, independentemente da súa renda. Por outra banda, o servizo de comedor si será cofinanciado polo Concello de Sanxenxo, en función da renda dos usuarios.

A escola de O Tombo conta con oito prazas de 0 a 1 anos, cinco de 1 a 2 anos e oito de dous a tres anos, mentres que O Revel ten 15 prazas de 0 a 1 anos, 10 de 1 a 2 anos e 13 de dous a tres.