A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de Ribadumia

A directora xeral de Administración Local visitou varias das actuacións desenvolvidas no marco dun proxecto que contou con 140.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local
Visita da directora xeral de Administración Local e do delegado territorial a Ribadumia. DS
photo_camera Visita da directora xeral de Administración Local e do delegado territorial a Ribadumia. DS

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este xoves Ribadumia para comprobar as melloras enerxéticas realizadas co apoio da Xunta na Casa da Cultura e no Colexio Rural Agrupado (CRA) de Lois. Estas obras forman parte dun proxecto que inclúe oito actuacións noutras tantas instalacións municipais e que contou cunha achega que suma 140.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local.

A meirande parte delas consistiron na instalación de bombas de calor para reducir o consumo enerxético e para garantir o confort das persoas usuarias dos distintos equipamentos. Deste xeito mellorouse o sistema de calefacción e de auga quente dos edificios do CRA das parroquias de Lois, Leiro, Ribadumia e Sisán, da Casa da Cultura, da casa consistorial e dos vestiarios do campo de fútbol da Bouza, en Barrantes. A maiores, no edificio municipal de servizos sociais, actuouse sobre a envolvente cun revestimento SATE para evitar a perda de enerxía a través da fachada.

Segundo sinalou a directora xeral, a Xunta está a impulsar a eficiencia enerxética nos edificios públicos municipais de Galicia a través de distintas liñas. Ademais do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, como foi este caso, os concellos contan co Fondo de Compensación Ambiental, dotado con 8,2 millóns de euros e que inclúe as melloras enerxéticas entre os proxectos financiados.