Román Rodríguez compromete a modernización do CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia

O alcalde tamén trasladou ao conselleiro o seu interese na execución dun proxecto que permita crear un espazo histórico natural na contorna do Monte do Castro
A reunión mantida co conselleiro, Román Rodríguez. DS
photo_camera A reunión mantida co conselleiro, Román Rodríguez. DS

O alcalde de Ribadumia, David Castro, vén de manter unha reunión de traballo co conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, para a posta en marcha de proxectos no eido da cultura e da educación, na que o conselleiro manifestou o seu compromiso para a posta en marcha da redacción do proxecto da reforma integral do CPI Julia Becerra Malvar, na que se inclúan actuacións exteriores, o cambio de cerramentos, cubertas e a mellora e urbanización da zona exterior e contorna do centro educativo, así como investimentos no seu interior con cambios nos pavimentos interiores, solos, alicatados ou baños.

Este investimento responde ao compromiso de David Castro, consensuadas coas demandas da comunidade educativa. Así, as xestións realizadas permitirán a modernización dunha edificación con máis de 50 anos de antigüidade, que supoñen a execución dun proxecto de futuro.

Un espazo histórico-natural no monte do Castro

O alcalde de Ribadumia trasladou ademais ao conselleiro o seu interese na execución dun proxecto que permita crear un "espazo histórico natural na contorna do Monte do Castro", de xeito que se poña en valor a riqueza deste ben patrimonial e a súa contorna natural para engadir un atractivo turístico non só ao Concello de Ribadumia senón a comarca do Salnés. Dende a Consellería de Cultura e Educación, mostrouse o seu total compromiso na elaboración dunha memoria de actuacións que permita deseñar un espazo natural nesa contorna. Previsiblemente, recolleranse actuacións relacionadas co mantemento de especies vexetais autóctonas e eliminación de especies invasoras. Ademais, traballarase na humanización da súa contorna, así como nos acceso ao mesmo.

O Conselleiro, Román Rodríguez, mostrou o seu total apoio ao proxecto presentado polo Concello de Ribadumia, no eido da toponimia menor desta entidade. Trátase dunha actuación que pretende crear un equipo de traballo que involucre aos distintos actores da esfera local, dende a propia administración, á comunidade educativa, profesionais do eido da ciencia, educación e urbanismo, así como fomentar o traballo interxeracional entre os nosos nenos e os maiores.

O alcalde David Castro, mostrase "moi satisfeito" tras a reunión mantida co Conselleiro Román Rodríguez, posto que "permite materializar compromisos e avanzar en novos proxectos no eido da Cultura e da Educación de relevancia para o Concello de Ribadumia, tanto do investimento da rehabilitación integral do centro educativo CPI Julia Becerra Malvar como directamente sobre o patrimonio cultura no Monte do Castro", manifestou.