Ribadumia investirá 224.755,61 euros en mellorar distintos puntos do municipio

A entidade local executará as obras nas parroquias de Lois, Leiro, Ribadumia e Sisán co obxectivo de potenciar a calidade de vida da veciñanza e o desenvolvemento do municipio
O alcalde de Ribadumia, David Castro, no pleno de investidura. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alcalde de Ribadumia, David Castro, no pleno de investidura. GONZALO GARCÍA

O Concello de Ribadumia executará unha serie de actuacións en distintos puntos do municipio para potenciar a calidade de vida da veciñanza e promover o desenvolvemento sostible do territorio. O orzamento total supón un investimento de 224.755,61 euros.

As obras, pertencentes ao Plan Concellos 2022, levaranse a cabo a través dunha licitación conxunta que inclúe cinco proxectos estratéxicos. Estas actuacións abarcan diferentes áreas clave de Ribadumia e permitirán potenciar a accesibilidade, o saneamento e a infraestrutura viaria.

As obras deste investimento serán: unha rede de saneamento e ampliación do vial e recollida de pluviais no lugar de Barroso (Sisán), a mellora do camiño de acceso ao lugar de Outeiro e no lugar de Cabanelas (Ribadumia),  unha ampliación de vial e recollida de augas pluviais no lugar de Leiromeán (Leiro) e as melloras na recollida de augas pluviais no lugar de Portarís (Lois).

Desde o Concello agardan que, unha vez finalizados os traballos, os beneficios para a comunidade sexan evidentes e contribúan a consolidar a Ribadumia como un lugar acolledor, moderno e en constante crecemento.