Talleres, andainas, actividades e festas para celebrar o Mes da Diversidade

Organizado pola Asociación GOTAS e o goberno local, durante o mes de xuño ofreceranse diversas actividades co obxectivo de promover a inclusión e sensibilizar á poboación
Presentación do mes da Diversidade en Ribadumia. DS
photo_camera Presentación do mes da Diversidade en Ribadumia. DS

O Concello de Ribadumia celebrou, este martes, o acto de inauguración do Mes da Diversidade no Salón de Plenos municipal. Acompañados de representantes da Asociación GOTAS, o alcalde David Castro e os concelleiros expuxeron toda a programación preparada para celebrar, durante todo o mes de xuño, talleres, andainas, xantares e festas, entre outras. 

O evento tamén contou coa representación da adega Paco y Lola como empresa patrocinadora deste tipo de accións organizadas por GOTAS. 

O primeiro dos diversos acontecementos preparados para este mes celebrarase o vindeiro 8 de xuño, en que se celebrará a presentación do libro ‘Memoria Diversa’ con Eva Mejuto e Marcos López. Esta obra literaria adéntrase na exploración das diversas realidades e experiencias da comunidade LGBTIQ+, promovendo a reflexión e a comprensión. 

O 11 de xuño levarase a cabo unha Andaina Solidaria pola contorna do Río Umia. O 12 de xuño ofrecerase un taller de educación en diversidade no CPI Julia Becerra Malvar, co obxectivo de fomentar o respecto e a aceptación desde idades temperás. 

A Festa ‘Ruada das Gotas’ comezará a sentirse xa desde o 16 de xuño, cando se poderá de gozar de música a cargo de DJ, creando un ambiente festivo e de celebración da diversidade. O día 17, celebrarase o Día da Diversidade na praza do concello, cun evento cheo de actividades como a lectura do manifesto LGBTIQ+, concertos, sorteos, un xantar e moitas sorpresas. Ademais, disporase tamén de zona de acampada gratuíta. 

Para pechar este mes de reflexión e aprendizaxe, o 30 de xuño celebrarase unha mesa redonda no Punto Gotas, onde se abordarán as realidades LGBTIQ+ no ámbito rural. Esta instancia de diálogo e reflexión busca promover a inclusión e sensibilizar á comunidade sobre a diversidade presente na nosa contorna.