Ribadumia mellorará as súas instalacións deportivas por máis de 74.000 €

O Goberno local actuará no campo de fútbol da Senra e nas instalacións de Cabanelas
Campo de fútbol A Senra en Ribadumia.DS
photo_camera Campo de fútbol A Senra en Ribadumia. DS

O Concello de Ribadumia mellorará o campo de fútbol da Senra e as instalacións de Cabanelas a través dunha subvención solicitada á Xunta de Galicia. No primeiro caso, o Goberno local prevé acometer a construción dun valado na zona exterior do campo para evitar que os balóns cheguen ás casas da veciñanza, e tamén se construirá unha nave para poder gardar subministro e maquinaria deportiva. Do mesmo xeito, adquirirase equipamento deportivo para as instalacións de Cabanelas.

O orzamento total é de 74.339,97 euros (62.500 para A Senra e 11.839,97 euros para Cabanelas). A Xunta achegará a contía da subvenciónen dúas  anualidades: para o campo recibiranse 29.410 euros na primeira e 20.590 na segunda, mentres que para o equipamento deportivo serán 5.571,42 euros o primeiro ano e 3.900,56 euros o segundo. O Concello aportará a contía restante de fondos propios.