Un concelleiro de Somos Ribadumia acode á piscina municipal esixindo unha mostra de auga

Dende o Goberno local denuncian a acción argumentando que as instalacións cumpren coa lexislación vixente
Piscina de Ribadumia. GSV
photo_camera Piscina de Ribadumia. GSV

O Concello de Ribadumia informou este martes de que ten constancia que no día 31 de xullo, D. Sergio Soutelo Martínez acudiu ás instalacións das piscinas municipais, presentándose en calidade de Concelleiro de Somos Ribadumia esixindo ao persoal das instalacións que lle recolleran, nun recipiente plástico de auga de consumo xa utilizado, unha mostra de auga da piscina municipal, co fin de proceder a analizala.

A resposta do Goberno local non se fixo esperar, afirmando que as instalacións cumpren coa lexislación vixente en materia de control e vixilancia das piscinas municipais, realizando unha analítica completa mensual da calidade de cada un dos vasos das piscinas municipais localizadas en ditas instalacións, realizada por unha empresa externa autorizada a tal efecto. 

Ademais, sinalan, realízase un control diario nos dous vasos, tanto do PH como do cloro, dos cales se leva un rexistro, e figuran publicados na propia instalación.

"Unha vez máis, o grupo municipal Somos Ribadumia volve a comprometer e poñer en dúbida o traballo realizado polos traballadores municipais, nesa obsesión permanente, e xa herdada da lexislatura anterior, de atacar ao equipo de goberno", explican dende o Concello.

O ente local empraza á oposición a que, no caso de que queira solicitar unha analítica completa dos vasos, "siga o procedemento regulamentario a tal efecto, solicitándoo formalmente mediante escrito motivado, de xeito que sexa unha empresa autorizada a que realice tanto a mostra de auga como a análise da mesma".