Ribadumia lanza unha campaña de concienciación e sensibilización para a Festa do Tinto

Instalarase un Punto Violeta durante os días da festa e executarase un movemento en redes sociais a través de imaxes e vídeos
Reunión celebrada este xoves no Salón de Plenos do Concello de Ribadumia arredor da instalación dun punto violeta durante a Festa do Tinto. DS
photo_camera Reunión celebrada a principios de mes para a aprobación da instalación do punto violeta. DS

De cara á celebración da próxima edición da Festa do VIño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, o Goberno local pretende "activar a resposta cidadá" de rexeitamento á violencia sexista chamando a atención sobre a necesidade de que os espazos festivos e o resto do municipio, en festas, sexan espazos seguros en que as actitudes de respecto de homes e mulleres permitan gozar a todas as persoas, en especial ás mulleres e mozas, da festa sen violencia e sen risco de agresións sexistas, sexan da intensidade que sexan.

O Concello levará a cabo unha campaña de sensibilización, concienciación e rexeitamento da violencia sexista grazas á posta en marcha de varias actuacións. En primeiro lugar, instalarase un Punto Violeta nos días da festa. 

As redes sociais tamén serán protagonistas desta campaña, pois a través de Instagram e Facebook (tanto do Concello de Ribadumia como da Festa do Tinto) terán cabida publicacións con vídeos ou imaxes que promovan mensaxes de concienciación e rexeitamento da violencia sexista e máis especificamente da violencia sexual nas Festas do Tinto baixo o cancelo #ribadumiasenviolencia. 

Nestas accións colaborarán as asociacións e entidades culturais ou deportivas do municipio, pois serán imaxe protagonista dalgúns vídeos para converterse en verdadeiros/as referentes da loita contra as violencias sexistas.

A campaña dará inicio esta semana e prolongarase ata os días de celebración do 50 Aniversario da Festa do Viño Tinto e Exaltación das Variedades Autóctonas.