Ribadumia presenta a I edición do Concurso de Tapas e Petiscos da Festa do Viño Tinto

Os establecementos ofrecerán unha tapa ao público coa correspondente enquisa para facer unha valoración
Presentación da primeira edición do Concurso de Tapas e Petiscos da Festa do Viño Tinto de Ribadumia. DS
photo_camera Presentación da primeira edición do Concurso de Tapas e Petiscos da Festa do Viño Tinto de Ribadumia. DS

Este venres, o Concello de Ribadumia estivo presente na presentación do I Concurso de Tapas e Petiscos En Ribadumia, tapa o teu baldón, da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas. 

Este acto estivo acompañado coa presenza de representantes da comisión organizadora da festa, concelleiros do goberno local e catro dos oito establecementos hostaleiros participantes nesta primeira edición: o Lareka, a Peneira, Mar de Viñas e a cafetería do Club Náutico O Muíño.

Os representantes dos establecementos foron acompañados dos seus petiscos participantes no concurso para ensinar as súas propostas. Do Lareka, levaron unha hamburguesa; a Peneira, unha tosta de entrecot de vaca vella e; Mar de Viñas, unhas carrilleiras de porco.

O obxectivo deste proxecto é fomentar o consumo, dinamizar o sector e poñer en valor a oferta gastronómica de Ribadumia. Estas tapas ofreceranse ao público desde o 17 ata o 21 de maio, ambos inclusive, a un prezo de 1.50€. 

Durante estes cinco días, a veciñanza poderá consumir unha tapa e o establecemento entregaralle unha enquisa para facer a súa valoración. A puntuación de cada establecemento está composta dun 50% da valoración da clientela, e outro 50% por un xurado externo que visitará de xeito anónimo todos os establecementos participantes no concurso. 

Todas as persoas que precisen de máis información, poderán consultar as bases e criterios na páxina web municipal, as redes sociais ou chamando ás oficinas do concello no 986 718 491 ou 986 718 499.