Ribadumia inaugura o primeiro paso de peóns da comarca pola diversidade

Este venres o alcalde en funcións, David Castro, xunto con representantes da Asociación Gotas, estrearon esta iniciativa

O paso de peóns está situado na Rúa Espadeiro e conta coas cores do colectivo LGTBIQ+. DS
photo_camera O paso de peóns está situado na Rúa Espadeiro e conta coas cores do colectivo LGTBIQ+.DS

O alcalde en funcións, David Castro, xunto con representantes da Asociación Gotas, inauguraron este venres un paso de peóns símbolo do camiño a percorrer cara a consecución da igualdade. O paso de peóns está situado na Rúa Espadeiro e conta coas cores do arco da vella, tan representativos do colectivo LGTBIQ+.

Con esta iniciativa preténdese darlle visibilidade, nesta ocasión, ao colectivo e concienciar á sociedade, e sobre todo, á veciñanza de Ribadumia, da importancia do respecto á diversidade. 

O Concello traballa durante todo o ano en iniciativas para dar pasos no camiño cara a igualdade efectiva entre todas as persoas e en todos os ámbitos (relixión, xénero, raza...) e seguirá fomentando as actividades e accións encamiñadas a este fin.  

Este mes da diversidade en Ribadumia incluíu tamén actividades durante este sábado 17 de xuño tales como pasarrúas, lectura de manifesto, xantar diverso, diferentes concertos ó longo do día (Marcelo Dobode, Mamarrashouw, Turista Sueca, Fillas de Casandra, Lontreira) e animación de La Yaya Dj e A Tribo de Lilith. 

Ademais, durante todo o mes lévanse a cabo actividades e talleres sobre educación na diversidade que rematarán o xoves 30 de xuño cunha mesa redonda sobre as Realidades LGTBIQ+ no rural.