Ribadumia celebra a súa 5ª Ruada das Gotas

Esta festa do orgullo rural celébrase desde 2018 da man da asociación Gotas

 Asociación Gotas. DP
photo_camera Asociación Gotas. DP

A 5ª edición da Festa da Diversidade de Ribadumia chega este 2023 repleta de actividades. O pasado día 6 de xuño tivo lugar a inauguración desta festa do orgullo rural que organiza a asociación Gotas desde 2018. As actividades rematarán o vindeiro día 30, cunha mesa redonda sobre as realidades LGBTIQ+ no rural.

O plato forte desta iniciativa chega este sábado día 17, coa celebración da denominada Ruada das Gotas. O evento terá lugar na Praza do Concello e as actividades comezan ás 11.00 horas con pasarrúas. Tras isto, terá lugar a lectura dun manifesto (12.30 h) e o concerto de Marcelo Dobode. Ás 15.00 horas celebrarase un xantar diverso e ás 18.00 horas chega o espectáculo de Mamarrashow. Xa cara ao final do día, ás 21.00 horas, será a quenda dos concertos. Turista Sueca, Fillas de Cassandra, Lontreira, La Yaya DJ e A Tribo de Lilith amenizarán Ribadumia coas súas actuacións.

Esta xornada de convivencia ten como obxectivo celebrar a diversidade e ensalzar o orgullo da comarca do Salnés.

Programación do Mes da Diversidade de Ribadumia. DP
Programación do Mes da Diversidade de Ribadumia. DP

A asociación

A asociación Gotas é unha entidade sen ánimo de lucho que lidera desde fai un lustro un movemento social que loita por visibilizar e naturalizar ás persoas do colectivo LGBTIQ+ no rural e para que ninguén de Ribadumia e da contorna teña que marchar pola súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero.

Durante todo o ano, a asociación organiza diversas actividades, máis é no mes de xuño onde teñen máis relevancia, sendo neste mes a celebración da festa do orgullo rural Ruada das Gotas.


As actividades que realizan están financiadas polas cuotas das persoas socias, polo apoio do Concello de Ribadumia e outras entidades públicas, polas aportacións de empresas colaboradoras e establecementos da contorna.