Ribadumia volve recibir o foodtruck da campaña 'Galicia sabe a mar'

O luns 14 de agosto, a caravana estará instalada na Praza do Concello en quenda de mañá e tarde ▶ O obxectivo desta iniciativa é destacar os produtos do mar galego, así como o fomento da nosa gastronomía ante toda a sociedade

Foodtruck de 'Galicia sabe a mar'. DS
photo_camera Foodtruck de 'Galicia sabe a mar'. DS

O Concello de Ribadumia recibirá este luns o foodtruck da campaña Galicia sabe a mar na Praza do Concello. Os asistentes terán a oportunidade de degustar pratos preparados cos produtos do mar típicos da gastronomía galega. 

O foodtruck estará dispoñible en dúas quendas; pola mañá, de 12.00 a 15.00 horas e pola tarde, de 18.00 a 21.00 horas. Esta iniciativa ten como obxectivo promocionar a gastronomía galega no municipio e contribuír á participación e asistencia veciñal. Ribadumia, como parte do patrimonio culinario galego, participa neste proxecto para axudar a mostrar a ampla oferta gastronómica da que gozamos en Galicia. 

A campaña é unha idea da Xunta de Galicia para destacar a calidade dos produtos do mar galegos e o seu papel fundamental na gastronomía da rexión, e do resto do país. 

O Concello de Ribadumia xa formara parte desta iniciativa no pasado mes de marzo e, este verán, volve a unirse a esta campaña para promocionar a súa riqueza gastronómica e contribuír ó fomento do turismo.