Ribadumia esgota todas as prazas para participar nos obradoiros de Nadal

O 29 de decembro e o 3 de xaneiro terán lugar, na Casa de Cultura, os obradoiros de bolsas de tea personalizadas e o de elaboración e decoración de galletas de Nadal, respectivamente ▶ O Concello de Ribadumia habilitou 80 prazas para que se puidesen anotar o máximo número de rapaces e rapazas posible

Os obradoiros terán lugar o 29 de decembro e o 3 de xaneiro na Casa da Cultura. PIXABAY
photo_camera Os obradoiros terán lugar o 29 de decembro e o 3 de xaneiro na Casa da Cultura. PIXABAY

A programación de Nadal do Concello de Ribadumia está a ter unha gran acollida e aceptación entre a veciñanza. Esta semana, ademais da visita do Apalpador, celebrarase un dos obradoiros organizados para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, e consistirá na elaboración de bolsas de tea personalizadas. 

Esta actividade terá lugar este xoves 29 de decembro na Casa de Cultura de Ribadumia. Debido á gran afluencia de rapazada anotada, o goberno local decidiu ampliar os grupos e formar dúas quendas para que puidesen participar o máximo número de nenos e nenas posible. O primeiro turno comezará ás 17.00 horas e, o segundo, ás 18.45 horas. 

O vindeiro martes 3 de xaneiro terá lugar o outro obradoiro programado, que consistirá na elaboración e cociñado de galletiñas con decoracións de Nadal. Neste caso, ocorreu o mesmo, e abriuse un novo grupo para acoller ó máximo número de cativos e cativas. A localización seguirá sendo a Casa de Cultura de Ribadumia e os horarios tamén serán os mesmos que os do 29 de decembro.

Durante o período de inscrición destas xornadas, decidiuse abrir unha nova cota, pois nos dous primeiros días de prazo apenas había sitio para recoller máis inscritos. Aínda así, a dous días de esgotar o prazo para anotarse no obradoiro de galletas, xa non había ningunha praza dispoñible. 

O goberno local agradece á veciñanza a confianza depositada unha vez máis, pois todos os eventos e actividades que se están a organizar teñen moi boa acollida; desde os inchables no Pavillón de Barrantes ata a visita de Papá Noel ou a participación nos obradoiros. Grazas a isto, o Nadal e o entretemento en Ribadumia van da man nunha época en que os nenos e nenas, a familia, a compañía e a ledicia son o máis importante.