Ribadumia énchese de actos en conmemoración do 25-N durante a fin de semana

O Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller celebrarase a lectura do Manifesto e un pequeno concerto da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia ás 12:00 horas
Mostra Campaña concello de Ribadumia polo 25-N. CEDIDA
photo_camera Imaxe dunha campaña lanzada polo Concello de Ribadumia o pasado ano para conmemorar o 25-N. DS

Esta fin de semana, os actos en homenaxe ao Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, que se celebra cada 25 de novembro, multiplícanse en Ribadumia. Dende a praza do Concello ata o Auditorio Municipal, a veciñanza poderá acudir aos eventos que se celebrarán no municipio. 

As homenaxes comezarán desde as 9.30 horas do sábado, pois o Concello súmase un ano máis á iniciativa da Xunta de Galicia na Andaina contra a Violencia de Xénero #CamiñoAoRespecto, que este ano celebra a súa 11ª edición. O percorrido iniciarase na Praza do Concello e continuarase pola beira do río Umia ata a ponte de Pontearnelas e volta á praza do Concello. Todas as persoas que queiran participar pódense inscribir co seu nome, apelidos e o número do DNI a través das seguintes canles: no email [email protected], por WhatsApp no 627 158 393 ou no teléfono 986 718 491. O prazo para inscribirse remata no propio día da andaina, antes de comezar. 

Posterior á andaina, ás 12.00 horas, terá lugar a lectura do Manifesto na Praza do Concello, acompañado dun breve concerto da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia. 

Pola tarde, ás 20.00 horas, o Auditorio Municipal de Ribadumia acollerá a Gala benéfica a favor de ESMAR Maltrato Cero. Este acto estará presentado polo actor e presentador Ademar Silvoso e contará con distintas actuacións musicais, sorteos e co recoñecemento a favor de colaboradores da asociación. A entrada é libre con recollida de donativos segundo a vontade e apta para público familiar. 

O domingo, ás 19.00 horas, a produtora A Panadaría estará no Auditorio de Ribadumia para poñer en escena a obra As que limpan, peza teatral gañadora dos XXVII Premios de Teatro María Casares en varias categorías. As que limpan fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Trátase dunha sátira utópica con altas doses de humor que fala de mulleres e do chan mollado sobre o que se camiña cada día. A entrada é de balde ata completar o aforo do Auditorio. 

Nestas datas, o edificio do Concello de Ribadumia iluminarase coa cor morada en conmemoración desta causa, colgarase o lazo negro no balcón e a entrada estará decorada cun escaparate da campaña deseñada para este ano. 

Amais, dende o día 2 de novembro levan desenvolvéndose actividades en relación ao 25-N no municipio, tales como exposicións, charlas ou mesmo un certame de contos, relatos breves e cómics.