O Auditorio de Ribadumia inaugura a súa programación con teatro, música, cine e humor

O sábado 28 de outubro, ás 21:30 horas, terá lugar o tributo a Joaquín Sabina do grupo Conductores Suicidas
Imaxe promocional do espectáculo Abracadaver. DS
photo_camera Imaxe promocional do espectáculo Abracadaver. DS

A vindeira fin de semana, o Concello de Ribadumia estrea a súa programación de outono/inverno no Auditorio tras o parón do verán. Ofrecerase, cada semana, programación teatral, humorística, musical ou audiovisual para público familiar, onde pequenos e maiores poderán gozar das citas que o concello lles ten preparadas. 

Esta inauguración comezará o sábado 28 ás 21.30 horas cun tributo a Joaquín Sabina da man do grupo Conductores Suicidas. Durante dúas horas de actuación, o público poderá gozar de inesquecibles baladas acústicas e os máis potentes e inconfundibles temas de rock. As entradas poderanse adquirir a través do seguinte enlace a 18€, mentras que en taquilla terán un custe de 22€. 

Co Samaín á volta da esquina, o domingo 29 ás 19.00 horas, tamén haberá programación no Auditorio grazas ao espectáculo Abracadaver, onde o circo fará que todo o público se parta de risa e se desfaga dos medos. A veciñanza gozará de clown, malabares, escapismo, rulo, acordeón, serrucho... todo a disposición dun actor preparado para sorprender con esta representación. A entrada será de balde e apta para público familiar. 

Dentro da oferta de entretemento que o goberno municipal ten preparada para toda a veciñanza do municipio e arredores, tamén destacan as representacións teatrais, os espectáculos musicais, festas, galas benéficas e máis cine. Toda esta información pode consultarse nos dípticos informativos que se enviaron aos domicilios de Ribadumia, nas redes sociais ou na páxina web municipal

A maiores, dende o 11 ata o 24 de decembro, estará exposta ao público a mostra Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía, que escenifica o nexo entre a literatura e a natureza na figura e obra de rosalía de Castro. Esta exposición é visible media hora antes de cada actuación programada nas instalacións do auditorio, ou por grupos pedindo cita previa no 986 718 491.