Ribadumia convoca o I Concurso de Carrozas de Reis
O Concello de Ribadumia incluirá unha novidade na programación de Nadal deste ano: a convocatoria dun concurso de carrozas de Reis. Nesta primeira edición poderán participar todas as asociacións veciñais, culturais, clubs deportivos ou entidades de carácter social sen ánimo de lucro que o deseñen e teñan o seu domicilio social no Concello de Ribadumia e se atopen inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións. Poderase participar unicamente cunha carroza individualmente ou en agrupación dun máximo de dúas asociacións.
A temática de cada carroza é libre pero deberá estar vinculada ao Nadal (que non sexa obscena ou ofensiva). Poderanse presentar propostas que están compostas unicamente por integrantes disfrazados. As carrozas deberán ter, como mínimo, 1 metro de altura, 3 metros delongo e 1,5 metros de ancho.
A inscrición deberá facerse obrigatoriamente nas oficinas do concello. O prazo de presentación de toda a documentación será ata o luns 11 de decembro e as solicitudes recolleranse de luns a venres en horario de 8.00 a 15.00 horas.
O xurado deste concurso estará composto por un membro representante da organización da Cabalgata de Reis, unha persoa vinculada ao departamento de eventos, cultura ou comunicación do Concello de Ribadumia e tres representantes de distintas asociacións con sede no Concello de Ribadumia, dándose prioridade a aquelas que colaboren na organización da Cabalgata e non se presenten a este concurso.
Cada unha das carrozas que realicen o pasarrúas obterán unha gratificación de 300€ por participar. Ademais, estableceranse tres premios: primeiro premio: 400€ + diploma acreditativo; segundo premio: 300€ + diploma acreditativo; e terceiro premio: 200€ + diploma acreditativo.