Ribadumia organiza unha xornada formativa sobre educación sexual

A sesión celebrarase o luns 26 no CPI Julia Becerra Malvar
Visita ao CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia
photo_camera Unha visita do alcalde David Castro ao CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia. DS

O Concello de Ribadumia abriu o prazo de inscrición para a xornada de Educación emocional e sexual na familia que terá lugar o vindeiro luns 26 de febreiro ás 16.30 horas no CPI Julia Becerra Malvar.

Nesta ocasión a formación está dirixida a nais e pais para adquirir ferramentas e aclarar dúbidas de cara a tratar estes eidos na familia e cos fillos e fillas. Actividade que se complementa cun obradoiro dirixido aos alumnos de 3º da ESO, "posto que traballar a formación con todos os actores fai que os resultados sexan mellores", explican dende o ente local.

Esta formación ven da man da colaboración entre o Concello e as oficinas Quérote+ da Xunta de Galicia, e será a primeira de máis, "pois creemos en que todas as ferramentas que estean a disposición e se poidan achegar ós veciños e veciñas benvidas son e trataremos de que Ribadumia poida dispor delas".

Os interesados/as deben anotarse nos Servizos Socias do Concello de Ribadumia de cara a organizar do mellor xeito a xornada.