Ribadumia acolle a celebración dun Curso Homologado de manipulador de alimentos

A actividade tivo lugar este mércores na que participaron preto dunha vintena de alumnos e alumnas
O alcalde, David Castro, xunto ao alumnado participante no curso. DS
photo_camera O alcalde, David Castro, xunto ao alumnado participante no curso. DS

O concello de Ribadumia impartiu na mañá deste mércores unha formación en manipulador de alimentos da man da Federación Pola Igualdade da Provincia Pontevedra (FEMUPO) no marco do Plan Corresponsables, programa que xurde baixo un convenio de colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. 

Con esta actividade gratuíta, o Concello de Ribadumia puxo a disposición dos veciños e veciñas unha formación moi demandada; non só no concello, senón en toda a comarca para loitar contra o desemprego, pois trátase dunha formación imprescindible para poder traballar en moitos dos sectores líderes en empregabilidade, tanto en Ribadumia como na contorna. Ademais, esta é unha formación que debe estar actualizada e renovarse cada certos anos.

Nesta convocatoria formáronse preto de vinte alumnos e alumnas. Cabe destacar que houbo un gran número de persoas interesadas en participar neste curso, xa que algunhas quedaron sen a oportunidade de formarse nesta materia debido ó esgote de prazas. O goberno local valora esta iniciativa dunha forma moi positiva; debido á gran acollida e ó interese xerado, estase a barallar a posibilidade de impartir outra convocatoria en diferente horario para adaptarse á necesidade de todas as persoas solicitantes.

O Concello de Ribadumia asegura que este curso non será o único, e que pretenderá seguir ofertando formación que se detecte como necesaria, así como aquela que demande a veciñanza de acordo coas súas necesidades e intereses, como medida dirixida á mellora da ocupabilidade e a inserción laboral. Desta maneira ponse en valor o compromiso do goberno ribadumiense coa formación e a profesionalización dos perfís demandantes de emprego do concello.