O persoal de DomusVi Ribadumia decidirá en asemblea se intensifica as mobilizacións

Traballadores da residencia de maiores desenvolveron este martes unha concentración en Pontevedra coincidindo coa conciliación no SMAC
Imaxe da concentración celebrada este martes en Pontevedra por traballadores do DomusVi Ribadumia. DS
photo_camera Imaxe da concentración celebrada este martes en Pontevedra. DS

O cadro de persoal da residencia de maiores DomusVi de Ribadumia celebrará asembleas para abordar a posibilidade de intensificar as mobilizacións contra a decisión da empresa de impoñer cambios de quenda e a súa negativa a compensar con tempo libre o traballo en días festivos. As traballadoras desenvolveron na mañá deste martes unha concentración diante do edificio da Xunta en Pontevedra coincidindo co acto de conciliación no SMAC, que rematou sen acordo.

Segundo explicou o secretario comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Iván Veiga, os empregados de DomusVi víronse na obriga de presentar un conflito colectivo no xulgado e de iniciar unha campaña de mobilizacións que continuará nos vindeiros días, sen descartar a posibilidade de convocar folga “porque as traballadoras están fartas de que non se respecten os seus dereitos”.

Precisamente, na mañá deste martes tivo lugar o acto de conciliación no SMAC previo ao xuízo, que finalmente terá que celebrarse ante a negativa da empresa a dar marcha atrás e deixar sen efecto a modificación substancial das condicións de traballo que levou a cabo sen abrir o preceptivo prazo de 15 días para intentar chegar a un acordo coa representación sindical. DomusVi limitouse a comunicar a entrada en vigor dende o pasado 1 de xaneiro dos novos horarios e dos cambios de quenda sen cumprir os requisitos esixidos, xa que o calendario anual ten que ser pactado coa representación legal dos traballadores, nesta caso integrada por tres delegadas da CIG.

Ademais, o cuadrante entregado pola empresa supón que haxa semanas nas que non se garanten os descansos legais, non se respecta o cómputo de xornada anual, nin tampouco a compensación en días festivos. “Esta é unha cuestión fundamental, que motivou a modificación de quendas; as traballadoras teñen xornada de luns a domingo, incluíndo festivos, e no seu convenio (e nunha sentenza do Tribunal Supremo) establécese que esta compensación ten que ser en tempo de descanso”.

Posibilidade de folga

As compañías do sector non respectan esta premisa, especialmente DomusVI, polo que o persoal ten presentado reclamacións individuais nas que se recoñece que a compañía non compensa correctamente o traballo en festivos. “Dende hai ano e medio estamos intentando negociar esta cuestión; por unha parte aseguran que queren implantar colectivamente a compensación en tempo, pero por outra chantaxean o persoal para que acepte unha modificación horaria e de quendas que é peor que a actual a cambio da compensación de festivos”.

Ademais, DomusVi está a ofrecer a posibilidade de compensar economicamente o traballo en festivos, e a un prezo inferior ao que xa teñen recoñecido nas sentenzas individuais as traballadoras/es. “Polo que nos negamos a asinar ese acordo, porque nos parecía unha chantaxe, e a empresa optou por impoñer a modificación horaria”.

En consecuencia o persoal optou por iniciar mobilizacións ao comezos deste mes, desenvolvendo unha primeira protesta diante das instalacións da residencia en Ribadumia. E agora, tras a concentración celebrada esta mañá diante do SMAC en Pontevedra, a representación sindical celebrará asembleas para abordar a posibilidade de intensificar as protestas, sen descartar incluso a convocatoria de folga.