As obras de ampliación e mellora do Punto Limpo de Ribadumia avanzan a bo ritmo

A entidade local está a executar estas actuacións a través dunha axuda da Xunta de Galicia e a financiación do Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra
Visita do alcalde de Ribadumia, David Castro, para ver o avance das obras do punto limpo. DS
photo_camera Visita do alcalde de Ribadumia, David Castro, para ver o avance das obras do punto limpo. DS

Dentro das actuacións e obras de mellora e mantemento das instalacións municipais que está levando a cabo o Concello de Ribadumia, atópase o proxecto de ampliación e mellora do Punto Limpo e, para levalo a cabo, acolleuse á financiación a través de dúas vías: a primeira, polo Plan Concellos 2023 e; a segunda, a axuda a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda. 

En total, o Concello de Ribadumia investirá neste proxecto do punto limpo unha cantidade de 287.199,13€ a través da financiación da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. As obras deron comezo a mediados do mes de outubro e continúan na actualidade, polo que o punto limpo continúa pechado para todos os usuarios e usuarias de Ribadumia. 

O obxectivo destas actuacións é mellorar a organización e a capacidade de funcionamento desta instalación. Para acadalo, estanse levando a cabo unha serie de actuacións auspiciadas pola posibilidade de ampliación física da instalación, pasando dunha superficie actual de 935m2 a unha de 1.448 m2, dispoñéndoa de diferentes alturas con peiraos para facilitar a descarga dos residuos nos contedores. 

Para garantir un aproveitamento óptimo, estas obras de ampliación e mellora precisan da reordenación completa do recinto. Manterase a caseta de control existente e incluirase unha pequena báscula para pesar materiais. Facilitarase o acceso dos usuarios no seu vehículo particular a unha plataforma que permite a descarga de residuos. 

Outra das necesidades que responderá este proxecto é a área de manobra para os camións do transporte dos contedores e as áreas de manobra para os vehículos de recollida de residuos. A área acondicionada para a implantación dos diferentes contedores de gran capacidade consistirá na execución dun peirao para a descarga de contedores metálicos. Amais, tomaranse as disposicións adecuadas para evitar a entrada e acumulación de augas pluviais no interior dos contedores. 

Por outra banda, disporase dunha zona cuberta para almacenar os residuos especiais depositados en pequenas cantidades. Este espazo de almacenamento estará pechado e ventilado, en calquera caso, prevense as condicións de seguridade adecuadas. 

O Punto Limpo de Ribadumia estará pechado perimetralmente, polo que será inaccesible fóra das horas de apertura ao público. Colocaranse carteis informativos indicando os horarios de apertura e os residuos aceptados e, no seu caso, outras informacións de interese para os usuarios, ademais dun panel informativo sobre as actividades relacionadas co medio ambiente do municipio e a recollida de residuos.