Obradoiros, Papá Noel e moita maxia no Nadal de Ribadumia

Dende o xoves 20 de decembro ata o domingo 7 de xaneiro, o municipio ofrecerá actividades recreativas para todas as idades
Presentación da programación de Nadal de Ribadumia. DS
photo_camera Presentación da programación de Nadal de Ribadumia. DS

O Concello de Ribadumia celebrou, este xoves, o acto de presentación da programación de Nadal deste ano no Salón de Plenos municipal. Acompañados da Asociación GOTAS e as ANPAs do CPI Julia Becerra Malvar e CRA de Ribaduma, o alcalde David Castro e os concelleiros expuxeron toda a programación preparada para celebrar, durante estas semanas, obradoiros, diversión, entretemento, e incluso a Cabalgata de Reis. 

A vindeira semana dará comezo a programación de Nadal no municipio, coa posta en marcha dos inchables que se colocarán na Praza do Concello. Dende o 20 de decembro ata o 7 de xaneiro, a pequena veciñanza poderá gozar e desfrutar destas atraccións en horario de 16h a 21h. 

O sábado 23, Papá Noel chegará a Ribadumia para repartir ilusión e felicidade entre os pequenos e pequenas da casa, aínda que tamén para os que non son tan pequenos. Ás 11. horas estará no Concello para recoller as cartas dos nenos e nenas e, pola tarde, a partir das 17.00 horas  fará un percorrido por Ribadumia en compañía do Club Ciclista Ribadumia. Nesta papanoelada en bicicleta poderán participar todas as persoas que así o desexen, sen necesidade de inscrición previa.

Ese mesmo día celebrarase o Carnadal, iniciativa colaborada pola Asociación GOTAS e as ANPAs dos colexios. A partir das 16h haberá programación na Praza do Concello para todas as idades, sendo as primeiras quendas as destinadas á pequena veciñanza. Desde as 16.00 ata as 18.00 horas, haberá obradoiros infantís organizados polas ANPAs que precisarán dunha inscrición previa no 665 87 23 60 ata o 20 de decembro. De 18.00 a 20.00 horas será a quenda da animación musical para toda a familia a cargo do Dúo Los Dinámicos. A partir deste momento, os máis maiores tamén poderán gozar da velada coa actuación de Maefield DJ Set, concursos e moitas sorpresas para todas as persoas que veñan disfrazadas de Nadal. 

O xoves 28 de decembro, desde as 11. 30 ata as 13.00 horas, o paxe real estará no edificio do Concello recollendo con ilusión as cartas que todos os ribadumienses lle escriban ás Súas Maxestades de Oriente. A cambio, o paxe repartirá larpeiradas para adozar a espera dos Reis Magos. 

O mércores 3 de xaneiro do novo ano, ás 16.00 horas, na Casa de Cultura de Ribadumia terá lugar un obradoiro para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. Nel poderán poñer en práctica toda a súa creatividade e plasmar as súas ideas de Nadal. Os pais e nais que queiran inscribir á rapazada poderán facelo chamando por teléfono ao Concello ata o 28 de decembro.

O venres 5 de xaneiro, Ribadumia recibirá a visita dos Reis Magos. O percorrido iniciarase a primeira hora da tarde polas parroquias. Posteriormente, a partir das 18.30 horas, a Cabalgata de Reis sairá desde Os Castaños ata a Praza do Concello, onde terá lugar a recepción oficial. Nesta procesión, as Súas Maxestades irán acompañadas da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia a ritmo de panxoliñas e demais cancións típicas do Nadal. Haberá tamén flocos de millo e algodón de azucre para todos os asistentes.