As instalacións deportivas de Ribadumia reciben 25.500 euros en mellora enerxética

A directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitaron o campo de fútbol e o polideportivo municipal de Barrantes, nos que se renovou a iluminación
Visita al campo de A Bouza en Ribadumia. DS
photo_camera Visita ao campo de A Bouza. DS

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou este luns o concello de Ribadumia para coñecer as melloras feitas nas instalacións deportivas de Barrantes co apoio da Xunta. O Goberno galego colaborou cunha achega de máis de 25.500 euros na renovación da iluminación do campo de fútbol e do polideportivo municipal, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo explicou Natalia Prieto, a través da iniciativa, no campo de fútbol da Bouza substituíronse os halóxenos por luminarias LED con maior rendemento e vida útil, ademais de menor consumo. Así, instaláronse en cada unha das cinco torres e na zona de grada 25 proxectores, de 440 vatios. No polideportivo municipal renovouse tamén a iluminación con lámpadas LED.  

A maiores desta achega, o concello de Ribadumia beneficiouse tamén da convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental en 2022 a través do proxecto Salnés medioambiental X: mellora da eficiencia enerxética na sede administrativa da mancomunidade e mantemento, do que forma parte esta localidade xunto con Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. O ente autonómico destinou preto de 35.000 euros á iniciativa.

Mellora nos parques infantís

Por outra banda, Ribadumia acolleuse o pasado ano ás axudas da Orde de infraestruturas de uso público, a través das que o Goberno galego colaborou na mellora dos parques infantís municipais cunha achega superior aos 12.000 euros. No conxunto dos últimos anos a contía investida neste concello no marco das distintas liñas de apoio ao eido local suma preto de 1M€. Cómpre sinalar tamén que os concellos contan cada ano co Fondo base de cooperación local, do que Ribadumia dispuxo en 2022 de case 200.000 euros.