O Goberno local fai unha valoración moi positiva do turismo deste ano en Ribadumia

O municipio experimentou datos especialmente significativos en canto ó número de visitantes. CEDIDA

O Concello recibiu, durante o 2022, máis de 20.0000 visitantes, grazas á variedade de actividades e eventos que ofrece o municipio durante todo o ano ▶ O municipio acolleu diversas visitas procedentes de toda Galicia, Madrid, Andalucía, Asturias, e mesmo de países como Alemaña, Italia, Francia e Estados Unidos

O Concello de Ribadumia anunciou que, durante o ano 2022, o municipio experimentou datos especialmente significativos en canto ó número de visitantes, superando as 20.000 persoas. Os eventos deportivos como a 28º Baixada Internacional do Río Umia, o Ciclocrós Internacional Concello de Ribadumia e o Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7, a Copa XCO de ciclismo e o RallyMix Concello de Ribadumia, foron algúns dos motivos polos que os veciños se interesaron en visitar o municipio.

Tamén o turismo cultural e gastronómico, coa Festa do Tinto do Salnés, a Festa do Pan, a gala de ribadumienses en prol do galego (Día das Letras Galegas), a Romaría de Santa Baia, o Magosto, a Festa da Diversidade, a Festa da Música e a programación de Nadal e de verán, entre outras. Todos estes eventos supuxeron un gran atractivo para turistas e visitantes de toda Galicia e máis alá, pois algúns eventos foron de carácter internacional.

Ribadumia é un destino turístico de primeiro nivel grazas ao seu patrimonio histórico e cultural e a súa excepcional gastronomía. Ademais, o seu clima e a hospitalidade da veciñanza contribuíron a facer desta tempada unha das máis exitosas. A visita de peregrinos e o percorrido pola variante espiritual do Camiño de Santiago foron tamén unha atracción adicional para os turistas. Este ano foi especialmente significativo, xa que foi o primeiro ano sen apenas restricións da pandemia da COVID-19. O Concello de Ribadumia traballou de maneira constante para promocionar o municipio como destino turístico seguro e ofrecer aos visitantes a mellor experiencia posible durante a súa estancia. A ampla oferta de actividades e eventos que ofrece o municipio, sobre todo no verán, é unha das principais razóns polas que miles de persoas elixiron Ribadumia como o seu destino.

Durante o 2023, seguirase traballando para continuar con esta tendencia á alza no turismo para que Ribadumia siga sendo un destino de elección. O Concello de Ribadumia espera seguir contando co apoio dos veciños e veciñas para seguir fomentando o turismo e mellorar a imaxe do municipio.