O concello de Ribadumia contará con novas placas solares da man da Deputación e o IDAE

As instalacións fotovoltaicas colocaranse na piscina e no Club Náutico, na Casa da Cultura  e no Complexo Deportivo

Fachada principal de la Casa Consistorial de Ribadumia Concello. EP
photo_camera Fachada principal de la Casa Consistorial de Ribadumia Concello. EP

A Deputación de Pontevedra dotará de placas solares a once edificios dos concellos de Ribadumia, Caldas de Reis, Catoira, Forcarei e Dozón que contarán cunha potencia eléctrica total de 121,04 kW e unha produción anual estimada de 150.081 kW. Para facelo, contará cunha nova axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) de 134.000 euros, o que revalida a aposta da Administración provincial polas enerxías sostibles. En concreto, esta achega enmárcase dentro da medida de instalacións de xeración eléctrica renovable para autoconsumo da convocatoria de axudas para inversións a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (DUS 5000) do Plan de Recuperación.

O IDAE financia con esta subvención o 85% destas 11 instalacións solares fotovoltaicas, que serán de autoconsumo con vertido a rede de excedentes, mentres que o 15% restante (25.238 euros) repártese a partes iguais entre a Deputación e os concellos nos que se instalen.

No concello de Ribadumia as instalacións fotovoltaicas colocaranse na piscina e no Club Náutico, onde contarán cunha potencia eléctrica de 10,88 kW e unha produción anual estimada de 12.081 kW, na Casa da Cultura (10,88 kW e unha produción estimada de 13.227 kW) e no Complexo Deportivo (16,32 kW e unha produción anual estimada de 21.585 kW).

En total, ao longo do 2022, a Deputación recibiu de man do IDAE fondos europeos por valor de preto de preto de 4 millóns de euros que mobilizaron arredor de 3,5 millóns de euros para realizar actuacións nunha vintena de concellos da provincia en materia de eficiencia enerxética e mobilidade sostible.