A Deputación inviste 450.000 euros en Ribadumia para implantar o contedor marrón

O presidente da Deputación, Luis López,  realizou a súa primeira visita institucional a este Concello para asinar un convenio enmarcado no programa PON2030 co alcalde David Castro
A sinatura do convenio, este luns en Ribadumia. DS
photo_camera A sinatura do convenio, este luns en Ribadumia. DS

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o Concello de Ribadumia para asinar co alcalde, David José Castro, o convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis 200.000 euros, o 44 % do orzamento o proxecto para a recollida de residuos sólidos urbanos neste municipio. O Concello, pola súa banda, achega o 56 % restante, uns 250.000 euros. “É un convenio moi importante para Ribadumia e para marcar un camiño que deben seguir os concellos. Temos retos que afrontar desde o punto de vista do medio ambiente, como é a implantación do contedor marrón e Ribadumia vai na cabeceira”, declarou o mandatario provincial despois de asinar o acordo para remarcar a importancia que o goberno da Deputación lle dá á xestión dos residuos. 

O proxecto, valorado en máis de 450.000 euros, consiste na dotación para o Concello de Ribadumia de dous camións para a recollida de residuos, un con recolector de carga traseira e outro con equipo recolectos satélite que se encargarán da recollida da fracción do contedor verde e do contedor marrón. De xeito paralelo, o plan inclúe tamén a instalación de contedores para restos orgánicos (contedor marrón) para o casco urbano de Ribadumia, así como a posta en marcha dunha experiencia piloto con colectores para plástico e cartón individuais nas parroquias de Barrantes e Sisán. Con este convenio, o Concello adquirirá taén un equipo para a limpeza dos contedores. 

Segundo recolle o convenio, o proxecto deberá estar implantado antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Baiona realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

A deste luns foi a primeira visita institucional de Luis López a Ribadumia como presidente da Deputación, unha visita que aproveitou para reiterar o compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos facendo unha mención especial á liña do programa PON2030 centrada na xestión dos residuos, pola que apostou o Concello de Ribadumia. “Para que a provincia vaia a máis, este lugar fenomenal do Salnés ten moito que dicir”, rematou o presidente.