A Deputación da luz verde á urbanización da rúa Condesa de Barrantes

O presidente Luis López explicou que a institución provincial financiará o 70% da actuación, achegando 500.000 dos 700.000 euros de orzamento base de licitación da obra
Luís López durante o pleno celebrado este venres. DS
photo_camera Luís López durante o pleno celebrado este venres. DS

A Nova Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra trouxo consigo unha nova inxección económica aos concellos da provincia. Neste caso, a institución presidida por Luis López acaba de dar luz verde ao convenio co Concello de Ribadumia, que ascende a 700.000 euros, para a urbanización da rúa Condesa situada na estrada provincial EP-9506 entre Barrantes e Vilariño. Co apoio da Deputación, sinalou o presidente, garantirase “unha humanización completa que cambiará significativamente o aspecto e a funcionalidade desta rúa no lugar de Barrantes”.

O ente provincial financiará o 70% da actuación, achegando preto de 500.000 euros, mentres que o concello de Ribadumia asumirá o 30% restante. O presidente provincial explicou que a actuación abrangue un tramo duns 300 metros no treito inicial da estrada, en pleno centro urbano de Barrantes e nun espazo no que se concentran equipamentos deportivos e escolares da vila. O obxectivo final, tal e como subliñou, é mellorar as condicións de seguridade e mobilidade a través da modificación do trazado e sección da rúa Condesa.

Ampliarase a zona de beirarrúas, creando unhas novas máis amplas de formigón coloreado, e crearanse zonas de estacionamento para dar servizo a autobuses escolares. O presidente asegurou que esta medida “é de moita importancia e de imperiosa necesidade, xa que se trata da zona de máis poboación e de maior concentración de persoas e vehículos de todo o concello de Ribadumia, na contorna do colexio e do campo de fútbol”.

O proxecto tamén inclúe a construción de pasos de peóns sobreelevados, a instalación da rede soterrada de telecomunicacións e de alumeado e a renovación das luminarias existentes, así como a execución da rede de drenaxe, a creación de zonas axardinadas e a instalación de mobiliario urbano e mais nova sinalización horizontal e vertical.