David Castro regresa ao PP e será o candidato popular nas eleccións municipais

O actual alcalde de Ribadumia está convencido de que o proxecto para o concello “vai ter continuidade e un masivo apoio veciñal porque está a funcionar e a atender axeitadamente aos veciños, pero será aínda máis forte porque contará co respaldo dunha organización que sentimos como nosa”
David Castro, alcalde de Ribadumia, junto a Luis López. DS
photo_camera O alcalde e o representante provincial dos populares mantiveron un encontro na mañá deste venres. DS

O alcalde de Ribadumia, David Castro, quen gañou as anteriores eleccións municipais con maioría absoluta ao fronte de Independentes de Ribadumia (IR), regresa ao Partido Popular, formación na que militou durante moitos anos e da que foi concelleiro na lexislatura de 1999, e será o seu candidato nos comicios do 28 de maio, segundo anunciaron na mañá deste venres o propio rexedor e o presidente provincial do PP, Luis López.

O máximo responsable da formación en Pontevedra deixou claro que a integración dos independentes, “moitos dos cales xa pertenceron ao noso partido”, xurdiu nas últimas semanas “dun xeito natural, posto que estamos a piques de comezar un novo ciclo político, e todas as partes entendemos que o mellor xeito de afrontalo era xuntos, porque xuntos somos máis fortes e tamén porque é a mellor solución de futuro para Ribadumia”.

Luis López quixo destacar “o traballo e a xenerosidade de todos”, tanto da militancia do Partido Popular de Ribadumia como dos independentes, “xa que todos queren sumar, ofrecerlle o proxecto máis forte posible aos veciños de Ribadumia e trasladar á cidadanía que, en política, a unidade é fundamental para dar exemplo e para atender mellor e aínda con máis intensidade á xente”.

O presidente provincial tamén recalcou que o regreso de David Castro e dos integrantes da súa formación “non responde a ningún experimento nin cousa rara, obedece simplemente ao que levamos moito tempo dicindo no PP, porque nós somos serios e temos palabra, e que se centra na recuperación e acollemento de todas as persoas do centro-dereita para seguir conformando un proxecto político coa maior base e respaldo social posible”.

O mandatario popular quixo agradecer a David Castro a súa disposición, implicación e compromiso co proxecto do PP e louvou “o seu forte tirón electoral, o seu gran traballo como alcalde de Ribadumia, a súa capacidade de xestión e de consecución de investimentos e o seu trato cercano cos veciños”, polo que considera que é a mellor opción para encabezar a lista, unha cuestión compartida pola inmensa maioría dos militantes do PP de Ribadumia.

Pola súa banda, o alcalde David Castro amosou a súa satisfacción “por sumar e aglutinar as forzas dos dous partidos e por volver ao Partido Popular e a un proxecto político co que nos sentimos plenamente identificados” e resaltou o seu convencemento de que o proxecto que está a desenvolver, con todo o seu equipo, ao fronte do concello “vai ter continuidade e vai recibir un masivo apoio veciñal porque está a funcionar e a atender axeitadamente aos veciños”.

“O único cambio é que agora defenderemos a nosa xestión coas siglas do Partido Popular, baixo as que estivemos moito tempo e ás que regresamos con agrado, polo que o noso proxecto para Ribadumia, que é o máis importante para nós, vai ser aínda máis forte, pensado unica e exclusivamente nos veciños, xa que sumámonos os militantes de ambas formacións e ademais actuaremos baixo o paraugas e coa colaboración e respaldo dunha organización política moi potente, que representa á maioría social dos galegos e que sentimos como nosa”.

“A ninguén se lle escapa que esta decisión non é estraña e entra dentro da absoluta normalidade, porque a práctica totalidade dos que conformamos Independentes de Ribadumia fomos integrantes do PP durante moitos anos. No seu momento, a situación política facía necesario que defendéramos a Ribadumia, que é o realmente importante para nós, doutro xeito e dende outra perspectiva, pero agora o panorama mudou, ábrese un tempo político diferente no que as principais forzas políticas collen máis peso e nós non queremos perder o paso polo ben de Ribadumia. Nese novo marco, loxicamente, nós tíñamos que estar no Partido Popular, que é con que nos identificamos polos seus principios, o seu proxecto, o seu trato de cercanía coa xente e prioridade absoluta para os veciños, a súa seriedade e o seu rigor”, concluiu David Castro.