Rematan as obras de ampliación e mellora do Camiño Municipal no lugar de Outeiro

O proxecto enmarcase dentro do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2022/23 e ten un importe de adxudicación de 61.598,17€
O alcalde de Ribadumia, David Castro, supervisando os traballos no lugar de Outeiro. DS
photo_camera O alcalde de Ribadumia, David Castro, supervisando os traballos no lugar de Outeiro. DS

O Concello de Ribadumia finalizou as actuacións no lugar de Outeiro, no que se ampliou e mellorou un camiño de titularidade municipal, co fin de conseguir ofrecer un mellor servizo e accesibilidade a diversas explotacións de fincas agrícolas, así como mellores prestacións ás vivendas dos núcleos próximos. Este proxecto pertence ó Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2022/23 e ten un importe de adxudicación de 61.598,17€.

Esta localización presentaba unha serie de carencias, relacionadas coa limitada visión do tráfico rodado debido ás condicións que presentaba, ademais de que o viario contaba cunha anchura insuficiente que dificultaba o cruzamento de dous vehículos en dirección contraria.

O Concello de Ribadumia planificou estes traballos ampliando a plataforma do camiño e executando un muro de contención de pedra granítica. Amais, ampliouse a plataforma do camiño ata o muro e, coa finalidade de mellorar a drenaxe e recollida das augas procedeuse á execución dun tramo de recollida de pluviais.

Preténdese facilitar o acceso á vivenda nesta zona, mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade en xeral no tramo de intervención, tanto para vehículos regulares como agrícolas, así como a mellora do límite entre as fincas e o camiño.

Con esta actuación, dáse continuidade ás outras dúas acometidas na mesma zona: a primeira, a ampliación e mellora do camiño municipal no lugar de Puxafeita, financiada pola Consellería de Medio Rural a través do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022; e a segunda, o muro e a ampliación municipal no Lugar de Outeiro, financiada pola Consellería de Medio Rural a través do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2021.