O Concello fai públicas as facturas do alumeado de Nadal ante as acusacións de 'Somos Ribadumia'

Dende o Goberno local afirman que o prezo das luminarias é de 12.800€, mentres que o portavoz da oposición, Enrique Oubiña, afirmaba que o custe era de 22.500€, existindo unha diferencia de case 10.000€
Alumbrado navideño de Ribadumia. CONCELLO
photo_camera Alumbrado navideño de Ribadumia. CONCELLO

O Concello de Ribadumia vén de publicar as facturas do alumeado de Nadal de este ano co fin de desmentir e esclarecer o orzamento do mesmo ante as declaracións do portavoz de Somos Ribadumia, Enrique Oubiña, e a posterior presentación dun escrito no Consistorio.

O Concello emitiulle á oposición as facturas presentadas pola empresa encargada do alumeado de Nadal correspondentes aos anos 2018, 2019, 2020 e 2021, así como tamén o orzamento presentado pola mesma para a colocación do alumeado do ano 2022. 

Os datos que aportan dende a institución son os seguintes: o alumeado do ano 2018 é de 10.500€ (sen IVA); no ano 2019, o importe volve ser o mesmo que o ano anterior; en 2020, foron 11.000€ (sen IVA); en 2021, a cantidade ascende a 11.500€ (sen IVA) e; en 2022, o importe orzado ascende a 12.800€ (sen IVA), polo que, desde o ano 2018 ata a actualidade, o prezo incrementouse en 2.300€.

Sobre os datos do alumeado deste ano, Enrique Oubiña afirmaba que no municipio se pagaran 22.500€, case 10.000€ máis do que supón o orzamento presentado polo Goberno local. Ademais, expuxeron que ese custe supoñía 4,4€ a cada veciño, mentres que as cifras reais falarían dun custo de 2,5€ por ribadumiense.

Con esta información, os responsables do municipio buscan desmentir os testemuños emitidos e queren transmitir unha mensaxe de tranquilidade e calma a través dos datos. Por outra banda, o Concello de Ribadumia considera unha falta de respecto as acusacións sobre as actividades organizadas no municipio por ser “vellas propostas e non aportan nada relevante”, segundo Oubiña, pois neste punto entra en xogo o traballo de todos os voluntarios/as, a Asociación de Comerciantes e os traballadores municipais, que están a facer un labor fundamental en todo o relativo ás actividades de Nadal en Ribadumia.