O Concello acolle este mércores unha clase gratuíta de ioga

A actividade impartirase no Centro Social de Barrantes ás 11.00 horas ▶ Esta xornada está incluída entre as ofertadas pola entidade municipal xunto con inglés, alemán, zumba, manualidades, debuxo, pilates, patronaxe, tenis ou mindfulness
yogafinal
photo_camera Unha clase de ioga. DS

O Concello de Ribadumia e a profesora encargada de impartir esta actividade teñen preparada para este mércores 18 de xaneiro unha sesión gratuíta de ioga. A clase terá lugar ás 11:00 horas no Centro Social de Barrantes.

Entre os beneficios que ten a práctica do ioga para a saúde inclúense melloras na flexibilidade, a forza muscular, a resistencia cardiovascular, a respiración, o equilibrio e a postura, así como tamén unha redución no estrés, a ansiedade e a presión arterial. Amais, o ioga está relacionado cunha mellora na calidade do soño, na saúde da columna vertebral, do corazón e da saúde mental; en definitiva, unha maior sensación de benestar xeral.

Con esta sesión, preténdese achegar esta disciplina a todos os veciños e veciñas de Ribadumia, ou de arredores, para que coñezan, en primeira persoa, en que consiste.

Entendendo a imposibilidade de asistir a esta sesión por coincidir en horario de mañá, o ente local traslada que todas as clases de ioga que se impartan serán polas mañás, e a deste mércores levarase a cabo en función dese mesmo horario.

Esta actividade está incluída entre as ofertadas pola entidade municipal xunto con outras como inglés, alemán, zumba, manualidades, debuxo, e moitas máis. O prazo para inscribirse nesta disciplina, ou calquera das expostas anteriormente, continúa aberto para que se poidan inscribir tanto os empadroados no municipio coma os que non o están. Toda esta información pode consultarse nos dípticos informativos que se enviaron aos domicilios de Ribadumia, nas redes sociais ou na páxina web municipal.