Comeza a recollida das colleitas de viño para a 50 Festa do Tinto

Os interesados deberán entregar os caldos os días 5 e 6 de maio entre as 19.00 e as 21.30 horas
Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés 2. RAFA FARIÑA
photo_camera Cata final na Festa do Viño Tinto do ano pasado. RAFA FARIÑA

O Concello de Ribadumia traslada que esta semana recolleranse os viños tipo Barrantes e autóctonos que se presentan a concurso para a L Edición da Festa do Viño Tinto do Salnés e exaltación das variedades autóctonas, prevista para celebrarse os días 2, 3 e 4 de xuño.

Os viños deberán entregarse no Centro Social de San Andrés de Barrantes os días 5 e 6 de maio entre as 19.00 e as 21.30 horas. As precatas dos viños tipo Barrantes, seguinte paso no concurso, celebraranse os días 8, 9, 10, 11 e 12 de maio, a partir das 21.00 horas no mesmo Centro Social. Os caldos que pasen estas precatas irán a unhas precatas finais que serán os días 24 e 25 de maio, tamén a partir das 21.00 horas. Todas estas catas están abertas aos viticultores que queiran participar.

As catas finais celebraranse nas propias datas da festa, concretamente, o sábado 3 de xuño ás 13.00 horas na Carballeira de Barrantes. No caso dos viños autóctonos as catas terán lugar o 23 de maio.