A Banda da Loba actuará o próximo venres en Ribadumia

O concello planea un fin de semana con máis eventos como o XXVIII Xuntanza dos Nosos Maiores e o III Memorial de Fútbol
A Banda da Loba en concerto este ano. RAFA FARIÑA
photo_camera A Banda da Loba en concerto este ano. RAFA FARIÑA

O Concello de Ribadumia segue a organizar o seu verán, aínda que estea a piques de rematar, e para este fin de semana ofrece tres eventos: un concerto da Banda da Loba, a XXVIII Xuntanza dos Nosos Maiores e o III Memorial de Fútbol. Así, este venres 25 de agosto, A Banda da Loba estará na Praza do Concello a partir das 22.30 horas, onde interpretará o seu último traballo discográfico Xabón Lagarta. A entrada será totalmente de balde e apta para todos os públicos. 

O sábado 26 de agosto, a Carballeira de Ribadumia acollerá a celebración da Xuntanza dos Nosos Maiores, que este ano celebra a súa XXVIII edición. Dará comezo ás 13:00 horas cunha misa e un xantar popular, un bingo sorpresa, humor a cargo de Avelino González e baile e música con Merchi Treviño.

 

Por último, o domingo 27 de agosto, o contexto muda totalmente e no Campo de Fútbol da Senra (Ribadumia) terá lugar o III Memorial de Fútbol entre o Xuventude de Sisán CF e o CD Ribadumia. A partir das 19.30 horas, os afeccionados ao fútbol poderán achegarse a estas instalacións deportivas a gozar deste amistoso na honra de José Ramón Serantes Moraña ‘Peque’. 

Dende o Concello de Ribadumia declaran que "trabállase incansablemente para brindar unha ampla variedade de eventos que reflicten a diversidade de intereses e paixóns da veciñanza".  Así, recalca que valoran "a convivencia, a cultura e o deporte por igual, e o goberno local está comprometido en seguir facendo de Ribadumia un lugar onde todos poidan atopar algo que os faga gozar e desfrutar".