O acendido de Nadal de Ribadumia supera todas as expectativas

Este sábado, máis de 400 persoas acodiron ao pistoletazo de saída da época navideña no municipio
Acendido de luces de Nadal de Ribadumia. DS
photo_camera Acendido de luces de Nadal de Ribadumia. DS

Este sábado, o Concello de Ribadumia estreou o Nadal do ano 2023 coa inauguración do acendido de luces. Fíxoo ás 20.00 horas na Praza do Concello coa presenza da veciñanza de Ribadumia e arredores, e en colaboración coa asociación de comerciantes Ribadumia Agárdate. 

Este evento resultou ser todo un éxito, superando as expectativas do equipo de goberno, pois a afluencia de asistentes chegou ás 400 persoas. Despacháronse, en total, 50 litros de chocolate quente e 12 kg de rosca, esgotando todas as existencias. 

Ademais, cada persoa recibía un ticket coa súa consumición para participar no sorteo de agasallos que o Concello de Ribadumia e os colaboradores quixeron repartir entre todos os asistentes. Había un total de 300 tickets que non chegaron para todas as persoas que asistiron á cita inaugural do Nadal. 

O goberno local mostrou o seu profundo agradecemento a todos os asistentes que decidiron compartir a súa tarde do sábado na Praza do Concello degustando chocolate e rosca e escoitando panxoliñas. Este agradecemento esténdese tamén a todos os traballadores e traballadoras municipais que estiveron preparando antes, durante e despois da xornada para que todo saíse ben; sen esquecernos tamén de todos os colaboradores, que coa súa axuda foi posible que o evento desta fin de semana fose todo un éxito un ano máis.