A sesión dos 'Venres dos Polos' pon en valor o talento emprendedor da mocidade galega

Na sesión, organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego Pontevedra Norte e Rías Baixas, participou A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao

photo_camera Xornada 'Venres dos Polos' no Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A xornada Venres dos Polos que tivo lugar en San Vicente do Mar na mañá do venres, trátase dunha iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para fomentar o intercambio de coñecemento e por en valor o talento emprendedor da mocidade galega

Nesta ocasión, a sesión incluiu unha presentación de Alberto Gallego, o fundador de Rutearte, quen compartiu a súa experiencia como emprendedor. Alberto viviu en Perú durante sete anos e viaxou a máis de 30 países en catro continentes, descubrindo múltiples rincóns do mundo. Ademais, grazas á súa formación en turismo, convertiuse nun experto planificador de destinos e produtos turísticos de maneira profesional.

A actividade tamén se enmarca na Semana do Emprendemento que está a celebrar a Xunta estes días e que remata o vindeiro luns 17 de abril. O obxectivo é dar a coñecer o servizo de asesoramento permanente e personalizado que se está a prestar á cidadanía desde a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Deste xeito, a actividade que porá fin a esta Semana de Emprendemento levarase a cabo no Polo de Ourense Centro e Sur. Denominada como Speed Dating, o seu fin é fomentar unha comunidade de emprendedores máis sólida e premitirlles poñer a proba a súa habilidade para presentar os proxectos de maneira práctica.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade puxo en marcha esta Rede para apoiar ás persoas emprendedoras cos seus proxectos empresariais en todas as súas etapas, desde o inicio ata o fin. Na actualidade, están en activo oito polos dos 15 que conformarán a iniciativa.