A TVG producirá en O Grove oito obras de teatro galego para televisión

As pezas teatrais gravaranse no auditorio meco con presenza de público e a participación de artistas convidados
Somos Criminais 3 Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco. DS
photo_camera Representación de 'Somos Criminais' con Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco. DS

A Televisión de Galicia (TVG) emitirá obras de teatro galego adaptadas para televisión nun proxecto audiovisual que inicia a produción nos próximos días. En total, en Fila 1, Butaca G programaranse oito obras recoñecidas polo público e a crítica, que se gravarán no auditorio do Grove con presenza de público e con artistas convidados. Deste xeito creativo preténdese poñer en valor, e a disposición dos televidentes, algúns dos mellores exemplos da dramaturxia galega.

O proxecto, que desenvolve a produtora Tamboura, abrangue oito obras teatrais: Somos criminais, de Aíné Producións; Hoy puede ser mi gran noche, de Teatro en Vilo; Saaabor!, de Cultura Activa; Chungo, de Luís Zahera; Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro; Códice K, de Ainé Producións; Amantis, de Rebordelos, e DEP, unha comedia de morte, de Malasombra Produciones.

O obxectivo da televisión pública galega é aproveitar e divulgar o traballo realizado polas compañías, actores e actrices para levar o teatro a todos os galegos a través dos medios públicos. Isto permitirá destacar o calibre artístico dos profesionais da representación galegos e brindarlles unha plataforma de visibilidade. Ademais, Fila 1, Butaca G poñerá en valor destacadas directoras, como Tamara Canosa, Andrea Jiménez, e directores e guionistas como Manolo Cortés, Tito Asorey, Cándido Pazó ou Avelino González, entre outros. A aparición de caras coñecidas que falen e comenten o espectáculo desde o humor e cos seus coñecementos artísticos, completará o proxecto, presentando cada obra, contextualizándoa e achegando unha reflexión final.