O Grove fará obras de abastecemento e aforro enerxético valoradas en máis de 110.000 euros

As xestións do anterior Goberno provincial conseguiron fondos europeos para o 100% da obra da estrada provincial de San Vicente, aforrándolle así a súa achega ao Concello
A presidenta da Deputación, Carmela Silva. DAVID FREIRE
photo_camera Carmela Silva. DAVID FREIRE

O Concello de O Grove acometerá obras valoradas en 110.356 euros con cargo á partida que inicialmente ía financiar a participación municipal no convenio para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-9101 (O Grove-San Vicente). O equipo da anterior Deputación, liderado por Carmela Silva, logrou que este proxecto de mellora viaria sexa financiado ao 100% con fondos europeos.

As actuacións comprenden a execución do abastecemento entre Porto Meloxo e a rúa Jaime Amézaga (39.850 euros), a reparación e substitución da rede de abastecemento en Terra de Porto, entre Hortos e Rons (38.027,30 euros) e actuacións de aforro enerxético (32.479,45 euros).

O Pleno da Deputación, celebrado este venres, deu aprobación ao convenio asinado o pasado 9 de xuño entre a ex-presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, José Antonio Cacabelos para as obras desta estrada entre os PQ 1+000 e o PQ 2+550 por un valor total de 551.783,74 euros. O Concello comprometeuse no convenio orixinal a achegar o 20% do importe (os 110.356,75 euros) e decidiu financialo co Plan Concellos 2022.

A Deputación logrou posteriormente, a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que esta actuación fose financiada integramente por fondos europeos incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España polo seu impacto na redución de emisións de carbono. Á luz desta novidade, e dado que a achega municipal estaba financiada co Plan Concellos, aprobouse a addenda para dar vía libre ao Grove para empregar os cartos noutras obras municipais.

O voceiro do grupo municipal socialista, Carlos Font, subliña que O Grove vese así dobremente beneficiado, pois, pasará a gozar dun tramo de estrada provincial completamente humanizado, incluída a renovación dos servizos de competencia municipal, sen ter que achegar fondos. Uns recursos que, en virtude da addenda, utilizaranse para o financiamento doutras obras municipais. “Un novo exemplo do traballo que facía o anterior Goberno provincial, sempre en  favor dos concellos de toda a provincia”, concluíu.