O PP do Grove critica que os 12 anos de Goberno socialista "custaron aos veciños do Grove 1,5 millóns"

Pablo Leiva asegura que o nivel de endebedamento é o segundo máis alto da comarca
Pilar Rojo, Román Rodríguez, Luis López, Pablo Leiva y Luisa Piñeiro en el acto de presentación del candidato del PP a la Alcaldía de O Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Pilar Rojo, Román Rodríguez, Luis López, Pablo Leiva y Luisa Piñeiro en el acto de presentación del candidato del PP a la Alcaldía de O Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Partido Popular do Grove manifestou que os 12 anos de Goberno socialista do Grove custaron aos veciños 1,5M€, unha cifra que "non inclúe a participación en comisións informativas, nin a asistencias a plenos nin ás xuntas de goberno do primeiro mandato, e no que tampouco están contemplados outros gastos como dietas por desprazamentos, comidas e outros conceptos".

Afea, ademais, que unha das primeiras medidas que tomou o alcalde" a principio deste mandato foi autosubirse o soldo, que segundo os datos do Ministerio de Facenda percibe un salario bruto de 50.545,32 euros anuais, así como aumentar as dedicacións exclusivas dos concelleiros". 

Desde o PP non se cuestiona que o Goberno cobre pola súa adicación e polo seu traballo, pero si consideran que este gasto “é excesivo e abusivo”, así como “aproveitar a maioría absoluta para que unha das primeiras medidas sexa garantirse maiores soldos para os membros do goberno”. Nesta liña recordan que O Grove ten unha poboación inferior a 11.000 habitantes e un endebedamento importante, polo que "non parece de recibo que os membros do goberno cobren os soldos que cobran cando, ademais, a xestión, o traballo e os resultados dalgún deles son máis que cuestionables".

Un endebedamento que, engaden, "é o segundo máis alto da comarca, con 430 euros por habitante". “Con estes datos, parece que esta prioridade que se marcou o Goberno socialista a principio deste mandato foi unha medida indecente, que sitúa ao Grove cunhas retribucións públicas do Goberno ao nivel de grandes urbes”.

Por iso, o PP afirma que unha das primeiras medidas do seu goberno será revisar e reducir as retribucións de alcalde e concelleiros liberados.