O Grove acolle este venres a proxección da película 'Código emperador' do Mestre Mateo

A proxección do filme, finalista na categoría de longametraxes nos premios do audiovisual galego, terá lugar na Casa da Cultura ás 20.00 horas
Grabación do filme 'Código emperador'. DS
photo_camera Grabación do filme 'Código emperador'. DS

O Concello do Grove acolle este venres 17 de novembro a proxección da película Código emperador ao abeiro segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O pase do filme, dirixido por Jorge Coira, finalista na categoría de longametraxes na gala dos Mestre Mateo, terá lugar na Casa da Cultura ás 20.00 horas.

Ademais de mellor longametraxe, este thriller foi finalista aos Premios Mestre Mateo nas categorías de dirección, dirección de produción, mellor interpretación masculina protagonista e de reparto, maquillaxe e perruquería, montaxe, música orixinal e mellor son. Nel, o actor Luis Tosar, que encabeza o reparto xunto Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Denis Gómez, Miguel Rellán e María Botto, ponse na pel de Juan, un axente que traballa para os servizos secretos. Co fin de ter acceso ao chalé dunha parella implicada no tráfico de armas achégase a Wendy, a asistenta filipina que vive na casa e establece con ela unha relación cada vez máis complexa. En paralelo, Juan realiza outros traballos “non oficiais” para protexer os intereses das elites máis poderosas do país, que teñen a vista posta en Ángel, un político cuxos trapos sucios deberá buscar ou “inventar” coa axuda de Marta, a filla dun recoñecido actor.